Recuperar o impulso de investimento

Recuperar o impulso de investimento

Recuperar o impulso de investimento

MonforteO secretario xeral do PSdeG-PSOE, José Ramón Gómez Besteiro, pediu hoxe o voto para “recuperar o impulso de investimento” para as infraestruturas de Galicia. Nunha visita a Monforte de Lemos, acompañado pola cabeza de lista de Lugo, Margarita Pérez Herraiz, e o alcalde José Tomé, e alcaldes e representantes do partido na provincia, acusou ao PP de furtarlle 2.400 millóns a Galicia nos últimos cinco orzamentos.

Cando o último goberno socialista investía en Galicia unha media de 2.000 millóns de euros ao ano, nos cinco orzamentos elaborados polo PP “cada ano lle quitaron 600 millóns a Galicia, que supoñen perder o tren das infraestruturas”. Chamou a “recuperar ese impulso de investimento que nos levou a ter garantía suficiente para traer a alta velocidade ferroviaria e boas comunicacións por estrada”.

Gómez Besteiro animou aos galegos e galegas a “ter en conta quen se compromete cos investimentos e quén non” para sinalar que ao PP e a Feijóo “non lles preocupan as infraestruturas por estrada nin polo tren”.

Lembrou que tanto o PP como os seus aliados de Ciudadanos, que directamente piden retirar o investimento en infraestruturas para Galicia, farán “o mesmo que Feijóo: mirar para outro lado e dicir que a cousa non vai con el”.

O líder dos socialistas galegos aproveitou a súa visita a Monforte para reivindicar os investimentos para o interior da provincia, como a construción da A-76 que abra a conexión coa Meseta polo sur da provincia. Criticou que o PP “dinamitara” proxectos encetados polos socialistas, como a intermodal de Lugo ou a conexión ferroviaria da capital da provincia.

Sinalou que “a primeira promesa do PP é o seu primeiro incumprimento”, que supuxo “sacar a Lugo do mapa ferroviario”, unha conexión que Feijóo dixo que asumiría o goberno galego, e reivindicou “que o faga quen o teña que facer”, e que “só virá da man do PSOE”.

Margarita Pérez

A candidata socialista ao Congreso Margarita Pérez Herraiz lembrou que o PP “dicía na anterior campaña que non valía a escusa da crise para retrasar as infraestruturas de Monforte, e a realidade demostrou que tódolos proxectos desapareceron” dos orzamentos.

Así pasou, dixo, coa autovía entre Monforte e Ponferrada ou a variante ferroviaria de Cadaval, así como a mellora da estación de ferrocarril, a desaparición dos pasos a nivel e a conexión de transporte de mercadorías entre Monforte e Ponferrada, que foron esquecidas polo goberno do PP.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar