Recriminan á Secretaría Xeral para o Deporte que renegocie os convenios asinados coas federacións

Recriminan á Secretaría Xeral para o Deporte que renegocie os convenios asinados coas federacións

Recriminan á Secretaría Xeral para o Deporte que renegocie os convenios asinados coas federacións

A portavoz de Deportes do Grupo Socialista, Carmen Acuña, critica a falla de previsión da Xunta, que asinou estes convenios en xaneiro. Lembra que xa daquela se recortaran dun 5 a un 10% respecto a 2011.

Algunhas federacións poderían ter que regular o persoal por falta de ingresos

A portavoz de Deportes do Grupo Parlamentario Socialista, Carmen Acuña, ven de criticar a intención da Secretaría Xeral para o Deporte de rebaixar os convenios coas federacións deportivas, asinados no mes de xaneiro.

A Secretaría Xeral para o Deporte convocou para mañá, xoves, 26 de abril unha xuntanza coas federacións para a revisión dos devanditos convenios.

Reprocha a deputada socialista a “falla de previsión” da Xunta á hora de presupostalos, e lembra que xa foran revisados á baixa entre un cinco e un dez por cento con respecto a 2011. “Contrasta ademais coa posición do seu Presidente, que nega constantemente a necesidade de tocar os Orzamentos por motivos semellantes por ter cambiado as previsións de crecemento da comunidade”, afirma.

Denuncia Carmen Acuña que, de facerse efectivo o recorte dos convenios, aínda que fora só nunha cantidade semellante á xa rebaixada ( un 7% ou 10%), “poría en perigo a planificación xa realizada” contando cos ingresos do convenio en vigor, e do que a Secretaría Xeral xa ingresou o 50%.

Acusa a deputada socialista á Secretaría Xeral de Deportes de “poñer en risco non só as programacións elaboradas polas distintas federacións, senón a continuidade de moitos contratos do persoal contratado con cargo a estes ingresos”.

A portavoz de Deportes do Grupo Socialista recrimina aos populares que, “mentres obrigan a afrontar unha regulación de persoal a moitas federacións, a través do recorte dos convenios, se manteñan obras que obedecen á satisfacción da megalomanía dos rexedores locais do PP en pequenos concellos”, onde se van realizar investimentos de entre 500.000 e 800.000 euros en pavillóns polideportivos, algúns deles para poboacións de 700 habitantes.

Critica tamén a parlamentaria socialista a “fuga de diñeiro” que “en paralelo” gasta a Secretaría en crear organizacións deportivas afíns alí onde as federadas non “comulgan” co ideario popular, tal e como lle teñen denunciado estas organizacións á portavoz de deportes do grupo socialista.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar