Recriminan a Feijóo que xustifique na crise a elaboración para educación dun orzamento ideolóxico co que pretende cambiar o modelo de servizos públicos esenciais

Recriminan a Feijóo que xustifique na crise a elaboración para educación dun orzamento ideolóxico co que pretende cambiar o modelo de servizos públicos esenciais

Recriminan a Feijóo que xustifique na crise a elaboración para educación dun orzamento ideolóxico co que pretende cambiar o modelo de servizos públicos esenciais

Vicente Docasar reprocha ao conselleiro Vázquez que se perderan 313 millóns de euros nos catro anos de Goberno Feijóo

Condenan os socialistas que se poña en risco o sistema universitario público coa redución dos Orzamentos e denuncian que a suba de matrículas vai encamiñada a promover o elitismo no acceso ao ensino superior

Reivindican respecto para os docentes porque ningún sistema educativo pode avanzar sen a súa implicación

Docasar trasladou unha serie de preguntas da comunidade educativa a Vázquez coas que denunciaba as deficiencias dos orzamentos, sometidos á redución de 313 millóns de euros en catro anos de Goberno de Feijóo

O portavoz de Educación, Vicente Docasar salientou que, desde o Grupo Socialista, a aposta pola Educación, e nomeadamente pola Educación pública, debera ser sempre unha prioridade para un Goberno, e moito máis nun momento coma o actual, de fonda crise económica.

Baixo esta premisa valoraron os socialistas os Orzamentos da Consellería de Educación e Cultura, que, ao entender dos socialistas, “non son uns orzamentos para un tempo de crise”, senón que os populares “se aproveitan dela para facer un cambio de modelo nos servizos públicos esenciais”, ben sexa Educación, Sanidade, Xustiza ou Dependencia.

Docasar reprochou ao conselleiro Vázquez que, nos últimos catro anos, o Goberno de Núñez Feijóo reducira os orzamentos de Educación en 313 millóns de euros.

No caso das Universidades, sufriron unha redución de presuposto de 42M€ nos catro últimos exercicios, e de 22M€ para 2013. O deputado socialista acusou ao Goberno de Feijóo de deixar ás universidades sen os fondos estruturais básicos para o seu funcionamento porque queren afogar o sistema universitario. A redución en máis dun 13% destas partidas en 2013 supón poñer en grave risco o funcionamento das universidades, incluso a partida de persoal, o que leva ao deputado socialista a preguntar a Vázquez se o que pretende o Goberno galego é “forzar ás universidades a despedir persoal”.

Os socialistas consideran que a consellería está a incumprir o Plan de Financiamento das Universidades, asinado no 2010. Docasar está convencido de que, pasadas as eleccións, os populares “pasarán a incrementar de maneira brutal as taxas universitarias de cara o vindeiro curso, para que á Universidade só poidan chegar os fillos e fillas das familias con maiores recursos”.

No relativo a I+D+i, os fondos destinados a investigación universitaria descenderon en tres millóns de euros nos últimos anos. Os Orzamentos globais da Xunta para I+D+i perden en 2013 16M€, un 23% menos.

En canto ao ensino non universitario, os socialistas non comparten que os orzamentos dos centros de Infantil e Primaria e Secundaria baixaran 132M€ nos catro anos de Goberno Feijóo. Ou que a partida de Bacharelato e FP caera en 118M€ no mesmo período, nin que a cantidade destinada a formación do profesorado diminuíra 1,3M€. Tampouco que o destinado ao abandono escolar caera un 27%, seis millóns menos en catro anos “cando vostedes non paran falar de loita contra o fracaso escolar”, reprochou o portavoz de Educación socialista ao conselleiro.

Tamén recriminoulle que o fomento das linguas estranxeiras se reducira a campamentos de verán en zonas de Galicia, cando o que deberan é “coller aos alumnos e levalos a Irlanda, Inglaterra ou Canadá, como se facía ata hai ben pouco”.

Docasar esixiu tamén maior atención para os poucos centros que se atreveron a implantar un sistema de calidade homologable. O socialista insiste en dotar cunha partida “digna” este proxecto de auténtica innovación educativa.

O portavoz socialista esixiu volver ao sistema de gratuidade dos libros de texto porque o modelo de gratuidade solidaria dos populares é máis beneficioso para as editoriais e librarías, pero “está deixando tiradas a moitas familias”.

Reclamou Docasar mellor trato para o profesorado. “Ningún sistema educativo pode avanzar sen a implicación do seu profesorado, e para iso compre respectalo”, dixo ao conselleiro, apelando á condición de docente de Jesús Vázquez.

Denuncian tamén os socialistas que o Goberno Feijóo, “unha vez máis”, recorta os orzamentos para a Política Lingüística, caendo a niveis de hai unha década. Reducen un 48% as campañas de normalización, un 29% as accións formativas, un 25% os proxectos do ensino. Os Orzamnetos de Política Linguística son, en 2013, 5,7M€, un 66% menores que no ano 93, con Fraga no Goberno. “Cabe preguntarse que lle fixo o galego ao Sr. Feijóo”, ironizou o deputado socialista. Docasar afirma que, “o rexurdimento do que fala é un rexurdimento sen Galicia e sen galego”.

Dixo tamén do Presidente galego que “Feijóo e a Cultura semellan auga e aceite”. Sendo Galicia unha comunidade histórica, que ten obriga de defendela, “lonxe de contrarrestrar o impacto negativo do Estado, que perde un 19% do presuposto de Cultura, o de Feijóo perde un 30%”. Vicente Docasar advirte que isto suporá que se reduza o dispoñible para bibliotecas, arquivos e museos, o orzamento para actividades culturais, propoción do patrimonio histórico e do artístico.

Só se “salva da queima” o destinado á Cidade da Cultura, porque, “aínda que recibe menos diñeiro que en 2012, aumenta o seu peso relativo no conxunto do orzamento cultural”. Critican os socialistas que 1 de cada 6 euros de Cultura irá destinado ao proxecto do Gaiás, a maior parte para manter abertos os edificios e non para os programas culturais.

A Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC), “da que dependen moitos postos de traballo”, sobre unha dramática redución nos Orzamentos do 2013, de 15 a 9 millóns de euros.

Reprochan os socialistas a Vázquez a “vergoñenta indignidade” que sufriu a Real Academia Galega, “que esperamos sexa corrixida no trámite parlamentario”, esixiu Vicente Docasar, para recuperar a dignidade da academia.

PREGUNTAS DA COMUNIDADE EDUCATIVA

O portavoz socialista de Educación, Vicente Docasar, empregou hoxe, na Comisión de Orzamentos, o recurso á pregunta retórica para evidenciar as deficiencias máis salientables do presuposto de Educación e Cultura, que relatara con anterioridade o titular da consellería, Jesús Vázquez.

Así, Docasar reclamou respostas ao conselleiro para as preguntas de persoas “que non poden estar hoxe aquí”, e que demandan, como dous universitarios de Santiago, coñecer si subirán as taxas e as matrículas; un grupo de interinos de secundaria interésase por se haberá oposicións en 2013; unhas rapazas que marcharon co título baixo o brazo ao estranxeiro queren saber se os Orzamentos evitarán que as que rematen este ano teñan que facer o mesmo.

Tamén trasladou a pregunta de nenas e nenos de primeiro da ESO para saber si as cantidades que lles asignen no verán do 2013 serán suficientes para mercar todos os libros; un de 2º de bacharelato pediu coñecer a través de Docasar se subirán as matrículas universitarias para o curso que ven; directores de centros esixen resposta si se garantirá por parte da consellería que si un profesor de pon enfermo se lle mandará substituto. Un xoven investigador pregunta por si os presupostos da Xunta teñen previsto recuperar o talento que emigrou ou seguirán permitindo a fuga dos mellores cerebros; unha profesora con trinta anos de servizo quere saber se lle devolverán a dignidade perdida nestes últimos anos.

Rematou o portavoz socialista preguntando pola prometida construción da gardería infantil de Betanzos. Tamén preguntou sobre a perda de orzamento de Política Lingüística e se Feijóo cumprirá a sentenza do galego. O director dun CPI trasladoulle a preocupación polas partidas para comedores dos centros escolares, si se recibirán nuns prazos racionais; o limpador dun instituto, persoal laboral fixo, encomendoulle coñecer si Feijóo cumpriría o dito en campaña e podería pasar á condición de funcionario. Rematou coa pregunta dunha nena de 13 anos do medio rural, interesada por coñecer si é certo que a consellería ten pensado cobrarlle unha parte do transporte e do comedor.

Resumía deste xeito o portavoz socialista as principais críticas ao Orzamento da consellería de Jesús Vázquez na súa intervención de peche na Comisión de Orzamentos.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar