Recrimina ao PP que rexeite no Senado reclamar ao goberno un plan urxente de medidas de apoio ao sector lácteo

Recrimina ao PP que rexeite no Senado reclamar ao goberno un plan urxente de medidas de apoio ao sector lácteo

Recrimina ao PP que rexeite no Senado reclamar ao goberno un plan urxente de medidas de apoio ao sector lácteo

O senador socialista subliña a "grave crise" que vive o sector lácteo, asegura que "non" existen mecanismos de negociación xustos entre o produtor, a industria e o distribuidor" e puntualiza que son necesarias axudas ao financiamento, medidas fiscais e de protección ao sector e a figura dun mediador

O senador socialista galego, Miguel Fidalgo, recriminou ao Partido Popular que rexeitara na Comisión de Agricultura, Pesca e Alimentación unha moción asinada polo PSOE e dirixida a reclamar ao Goberno, de forma urxente, a elaboración dun Plan de Medidas de Apoio ao sector lácteo. A proposta foi desestimada debida ao voto en contra do PP, que conta con maioría absoluta na Cámara.

Fidalgo expuxo a "grave crise" que vive o sector lácteo e subliñou que se trata dun sector estratéxico para a economía do noso país, un sector que mantén o medio rural e que sostén miles de familias. O parlamentario do PSOE explicou que os prezos percibidos polos gandeiros pola venda de leite son moi inferiores aos do custo de produción e engadiu que esta situación se está a agravar día tras día.

Neste sentido, asegurou que están en risco de desaparición máis de 10.000 explotacións se non se toman medidas con urxencia e aclarou que a orixe da crise é moi diversa pero que nos últimos meses esta se acentuou co "incremento salvaxe" do prezo das materias primas, polo custo da enerxía, pola suba dos impostos e pola "invasión" de leite máis rendible procedente doutros países.

Miguel Fidalgo lamentou que "non" existen mecanismos de negociación xustos neste sector entre o produtor, a industria e o distribuidor" e puntualizou que "é necesaria a figura dun mediador", axudas ao financiamento, medidas fiscais e de protección ao sector.

A continuación Fidalgo pasou a detallar os principais obxectivos da súa proposta. En primeiro lugar, reclámase que o Goberno aprobe, de acordo coas Comunidades Autónomas e con carácter de urxencia, un Plan de Medidas de Apoio ao Sector Lácteo recoñecendo o seu carácter estratéxico na nosa economía. Entre as medidas, incluiríase un paquete de axudas ao financiamento ás explotacións con créditos ICO subvencionados dirixidos fundamentalmente ao refinanciamento da débeda.

Tamén se pide ao Executivo que adopte unha serie de medidas fiscais e de axuda aos custos de Seguridade Social, actuacións para evitar toda práctica abusiva na cadea alimentaria e as que garantan que o leite non é utilizado como produto reclamo para a gran distribución e que non se realizarán vendas a perdas nin prácticas de dúmping. Os socialistas tamén solicitan un plan de inspección en fronteira e na industria de destino de todas as partidas de leite e produtos lácteos importados, de forma que se asegure a máis estrita legalidade no cumprimento da normativa de calidade e se eviten operacións fraudulentas con leite en po ou soros de leite.

A moción propón que o Goberno interveña de forma contundente no mercado de materias primas para a alimentación animal que evite a volatilidade actual de prezos. Ademais, reclámanse medidas encamiñadas a equilibrar a cadea láctea e lograr que o prezo de remuneración dos gandeiros non quede por debaixo dos custos de produción potenciando mecanismos de negociación eficaces. Para iso, é necesario que se estableza a figura do mediador para actuar con carácter previo á firma do contrato e en casos de desacordo entre o vendedor e o comprador de leite. Por outro lado, o Grupo Socialista esixe a utilización, de forma prioritaria, do leite das nosas explotacións así como a promoción de consumo de leite e produtos lácteos, medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais e a promoción da actividade transformadora de produtos lácteos do leite das nosas explotacións.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar