Reclamarán no próximo pleno a devolución dos orzamentos por constituír unha “ferramenta fracasada”

Reclamarán no próximo pleno a devolución dos orzamentos por constituír unha “ferramenta fracasada”

Reclamarán no próximo pleno a devolución dos orzamentos por constituír unha “ferramenta fracasada”

Abel Losada sinala que o Grupo Socialista presentou emendas para mobilizar mais de 460 millóns de euros co obxectivo de reactivar a economía e blindar as políticas sociais

O portavoz do Grupo Socialista, Abel Losada, dixo que os socialistas reclamarán a devolución dos Orzamentos da Xunta por constituír unha “ferramenta política económica fracasada” para os galegos e galegas. Así o dixo logo da Xunta de Portavoces que fixou a orde do día do Pleno específico sobre orzamentos que se celebrará a próxima semana.

Losada criticou a posición do goberno galego, que nas comparecencias en Comisión celebradas na pasada semana “presentou un discurso tecnocrático baseado no mito do déficit cero”, sen ningún tipo de proposta que permita “solucionar os problemas económicos dos galegos e galegas e blindar os servizos públicos esenciais”.

Explicou que no debate de emendas transversais os socialistas proporán a mobilización de mais de 460 millóns de euros cun incremento de ingresos derivado do incremento da fiscalidade ás maiores rendas, a implantación de novos impostos á banca, ás grandes superficies e sobre o medio ambiente.

Estas modificacións dos ingresos permitirían “corrixir os efectos dos recortes da dereita sobre as capas sociais mais desfavorecidas” ademais de “reactivar a economía e acadar a creación de emprego” centrándose no impulso de sectores estratéxicos “rematando coa chuvia fina de axudas repartidas de xeito discrecional dende a Xunta”.

O responsable socialista criticou ademais a “gibarización” da vida parlamentaria co obxectivo de “limitar o control político da oposición sobre un goberno literalmente desaparecido”. Criticou así a redución dos tempos de intervención dos grupos da oposición, que pasan de intervir 30 minutos o ano pasado aos 20 de que disporán a próxima semana para presentar as emendas aos orzamentos da Xunta.

Criticou tamén o uso do Parlamento como “teatro” por parte do PP, que se “esqueceu” de pedir a cración da Comisión de Asuntos Europeos, impedindo a súa constitución, solicitada polos socialistas dende o pasado 26 de novembro, ata que acordaron presentar eles a súa propia proposta.

A paz dos cementerios

En resposta a preguntas dos xornalistas, o responsable socialista salientou que Feijóo “intentounos trasladar a imaxe dun PP no que impera a paz dos cementerios”, como reflexo dun goberno “paralizado e incompetente” cando a realidade é unha “mistura de loitas despiadadas polo poder, e imputados por distintos delictos” dentro do seu partido.

Puntualizou que “non é posible tapar todos os sumidoiros todo o tempo”, en alusión ás crises de goberno dos concellos de Santiago e Ames, ás que se unen as crises internas do PP de Vigo ou Pontevedra.

Losada chamou a “dar conta aos cidadáns, ofrecer toda a transparencia e asumir responsabilidades”, mentres Feijóo “leva toda a lexislatura sen dar a cara” salvo un discurso de investidura “pro – forma, réplica do anterior, só enchido de frases grandilocuentes carentes de sentido”.

Así o dixo logo de ser preguntado sobre a necesidade de incrementar os controis aos partidos políticos logo das sospeitas sobre financiamento irregular no PP. Criticou a fuxida de Feijóo da Cámara autonómica, e sinalou que a propia Deputación Permanente solicitada polos socialistas en decembro para que os conselleiros comparezan na Cámara será debatida o próximo xoves, un mes despois e logo de comparecer na Comisión de Orzamentos.

En resposta á proposta do PPdeG de presentar unha declaración institucional contra o terrorismo, subliñou que os socialistas “condenaron e sufriron históricamente o terrorismo”, e lembrou que foi cun goberno socialista que ETA rematou a súa actividade. Cuestionou sen embargo a oportunidade desta declaración, presentada “para agochar as vergoñas do PP, os sobres B e as contratacións escandalosas masivas de familiares directos na Deputación de Ourense”.

Prestige

Lembrou finalmente, tamén en resposta a preguntas dos xornalistas sobre a comparecencia de Cascos no xuízo sobre o Prestige, que o presidente do Goberno, Mariano Rajoy, era quen coordinaba a célula de crise que converteu o accidente dun petroleiro na maior catástrofe ecolóxica vivida por Galicia.

Puntualizou que o actual presidente do Goberno “tiña responsabilidades políticas moi importantes” naquelas datas, polo que “a responsabilidade xudicial, e sobre todo política, non pode rematar nun director xeral”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar