Reclaman un seguro de accidentes para os traballadores do mar de aplicación inmediata

Reclaman un seguro de accidentes para os traballadores do mar de aplicación inmediata

Reclaman un seguro de accidentes para os traballadores do mar de aplicación inmediata

A portavoz de Pesca do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, Marisol Soneira anunciou o rexistro dunha proposición no Parlamento para reclamar á Xunta subscribir un Seguro Colectivo de Accidentes para todos os galegos e galegas que desempeñen a súa actividade na pesca, no marisqueo ou en accións de rescate de accidentados no mar. Ademais puntualiza que o seguro debera ter as seguintes coberturas: falecemento, invalidez parcial, total, absoluta e gran invalidez.

Reclama tamén axudas para escolarización e estudos dos orfos, gastos de traslado de familiares, repatriación e enterro dos falecidos no exterior. Solicita as mesmas garantías para accidentes “en itínere”, e que os desaparecidos teñan a consideración de falecidos nun período non superior a tres meses, e tamén a adaptación do fogar no caso de que o accidentado se vise obrigado a utilizar unha cadeira de rodas como consecuencia do accidente.

Soneira lembra, na iniciativa rexistrada que a Xunta de Galicia tomou a decisión de eliminar o Seguro Colectivo de Accidentes, para as persoas que desenvolven o seu traballo en calquera das actividades relacionadas coa actividade pesqueira e marisqueira. Sinala que segundo a propia xustificación da Consellería do Mar é “por razóns de interese público, fundamentadas no actual escenario de recortes no gasto público, tanto no presente exercicio 2010 como no seguinte 2011, do que se están a elaborar os seus orzamentos, motivadas pola situación actual de crise económica”.

A portavoz de Pesca afirma que “por desgracia xa temos algunha experiencia do que a supresión deste Seguro significa para as familias e os colectivos afectados”. Relata que as mariscadoras a pé carecen de protección; os mariñeiros enrolados en barcos abandeirados en terceiros países ou nas de conveniencia; as persoas que participan nun rescate no mar.

Soneira dixo que recentemente asistimos a unha nova desgracia no mar con dous mortos, e as súas familias terán que facer fronte á nova situación exclusivamente cos seus propios medios, ate que se determinen as responsabilidades e de quen é a responsabilidade do accidente.

Así as cousas explica que ata que se determinen as responsabilidades e a responsabilidade do accidente, haberá que sortear todo un proceloso camiño burocrático, haberá que decidir se denuncian ao armador (amigo, veciño, familiar), haberá que esperar a que se determine legalmente a morte dun desaparecido, haberá que trasladarse a Mauritania, Senegal, Malvinas ou Madagascar para identificar un cadáver á súa propia conta, haberá que afrontar o labirinto burocrático de repatriar un cadáver dende calquera parte do mundo, etc.

TEXTO DA PROPOSICION NON DE LEI

O Parlamento de Galicia insta o Goberno galego a subscribir un Seguro Colectivo de Accidentes para todos os galegos e galegas que desempeñen a súa actividade na pesca, no marisqueo ou en accións de rescate de accidentados no mar.
Este seguro deberá, polo menos, ter as seguintes coberturas:

- Falecemento
- Invalidez parcial, total, absoluta e gran invalidez
- Axudas para escolarización e estudos dos orfos.
- Gastos de traslado de familiares, repatriación e enterro dos falecidos no exterior
- Mesmas garantías para accidentes “en itínere”
- Que os desaparecidos teñan a consideración de falecidos nun período non superior a tres meses
- Adaptación do fogar no caso de que o accidentado se vise obrigado a utilizar unha cadeira de rodas como consecuencia do accidente.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar