Reclaman no Senado que se regularice a situación fiscal dos emigrantes retornados

Reclaman no Senado que se regularice a situación fiscal dos emigrantes retornados

Reclaman no Senado que se regularice a situación fiscal dos emigrantes retornados

Paula Fernández Pena subliña que os xubilados "se senten marionetas dunha estratexia recadatoria inmoral e miserable perfectamente planificada e destinada a facer caixa con sancións inxustas" e recrimina ao Goberno do PP que trate mellor aos amnistiados e grandes defraudadores que aos pensionistas retornados

Asegura que os 14 senadores do PP que votaron en contra terán que explicar en Galicia por que decidiron rexeitar esta iniciativa que simplemente pretendía dar solución a este caos tributario, ofrecer o mesmo trato aos pensionistas que aos grandes defraudadores e limpar a imaxe dos afectados, evitando que se lles trate como a delincuentes fiscais

A senadora socialista pola Comunidade Autónoma de Galicia, Paula Fernández Pena, reclamoulle ao Goberno que regularice a situación fiscal dos emigrantes retornados dende a consideración a un colectivo que non tivo ningunha intención de defraudar. Fernández Pena presentou unha moción neste sentido que foi rexeitada co voto en contra do PP, que conta con maioría absoluta na Cámara.

Ao longo da súa intervención, a parlamentaria do PSOE criticou a resposta do ministro Montoro á demanda de centos de miles de afectados dun erro colectivo que o Ministerio tardou anos en atallar e que agora quere solucionar a base de multas. Tamén lamentou que o propio Montoro lanzase reproches contra os cidadáns afectados, riscándoos de insolventes tributarios e inhibíndose de calquera tipo responsabilidade respecto á falta de pedagoxía tributaria do Ministerio.

Paula Fernández Pena subliñou que o Ministerio tería que ter informado a este colectivo en 2008 de que facían mal as súas declaracións e así non sería necesario agora, cinco anos despois, sancionalos. Fernández Pena afirmou que estes xubilados "se senten marionetas dunha estratexia recadatoria inmoral e miserable perfectamente planificada e destinada a facer caixa con sancións inxustas" e recriminou ao Goberno do PP que trate mellor aos amnistiados e grandes defraudadores que aos pensionistas retornados.

A senadora galega destacou que cos xubilados non se fai o mesmo esforzo que cos amnistiados porque non teñen nin asesores que preman ao Goberno nin grandes fortunas e o xusto sería que se lles tratase en igualdade de condicións. Por todo iso, Paula Fernández Pena reclamou que se lle devolva a dignidade que lles foi arrebatada aos emigrantes retornados, que se recoñeza que o seu erro o foi tamén da propia Axencia Tributaria e que sexan tratados baixo o amparo e o cumprimento das leis pero con criterios interpretativos que a súa situación persoal, social, económica esixe. Ademais, pediu instar ao Goberno a que desenvolva unha campaña informativa que lles aclare calquera dúbida de futuro, axúdelles a corrixir a situación fiscal sabendo que non tiveron intención de defraudar, que non se inicie un expediente sancionador e que se peche de oficio os xa abertos sen distinción, dándolles facilidades de pagamento das súas obrigas con máis prazos e sen intereses.

Na súa quenda de réplica, Paula Fernández Pena recordou a decisión adoptada polo Parlamento galego e lamentou que nin un só senador galego dos catorce cos que conta o PP na Cámara se preocupase por debater ou discutir esta cuestión. Fernández Pena recordou que Galicia é unha das comunidades con maior número de afectados e criticou o apoucado silencio do voceiro do PP, José Manuel Barreiro, que "pasou de puntillas" por esta cuestión e se limitou a asinar unha emenda baleira de contido.

A parlamentaria do PSOE sinalou que agora os senadores galegos do PP terán que explicar en Galicia aos seus cidadáns por que votaron en contra desta proposta porque non teñen argumentos salvo seguir a liña que marca o Partido Popular. Paula Fernández Pena lamentou que os catorce senadores do PP votasen en contra dunha iniciativa que pretendía dar solución a este caos tributario, que reclamaba o mesmo trato aos pensionistas que aos grandes defraudadores e que trataba de limpar a imaxe dos afectados, evitando que se lles trate como a delincuentes fiscais.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar