Reclaman a reposición dos fondos destinados ao Plan Concertado de Servizos Sociais para garantir a atención básica á cidadanía

Reclaman a reposición dos fondos destinados ao Plan Concertado de Servizos Sociais para garantir a atención básica á cidadanía

Reclaman a reposición dos fondos destinados ao Plan Concertado de Servizos Sociais para garantir a atención básica á cidadanía

Carmen Gallego critica que Rajoy “abandona o Plan Concertado” mentres Feijóo reduce o seu orzamento de 20,5 millóns en 2009 a 8,6 en 2013

A portavoz de Políticas Sociais do Grupo Socialista, Carmen Gallego, ven de presentar unha proposición non de Lei na que lle reclama á Xunta e ao goberno central a reposición dos fondos do Plan Concertado de Servizos Sociais. A responsable socialista denuncia o paulatino abandono por parte dos gobernos central e autonómico deste plan que garante atención básica aos cidadáns a través dos concellos.

Gallego sinala que o goberno de Rajoy “abandona o Plan concertado e deixa nunha situación moi difícil aos concellos para soster estes servizos” mentres, ao mesmo tempo, “prohibe o endebedamento para cumprir co obxectivo de déficit”. Advirte que esta decisión do Goberno central vai parella á redución do orzamento da Xunta, que pasa de destinar 12,5 millóns en 2012 aos 8,6 deste ano 2013.

A responsable socialista lembra que “non é esta a primeira ocasión na que o PP adopta decisións de recortes nestes servizos sociais básicos dende o goberno de Galicia”. Lembra así que “dende o ano 2009 pasamos de 20,5 millóns de euros no Plan concertado aos 8,6 previstos para este ano 2013”.

Por este motivo presenta unha iniciativa para que o Pleno amose en primeiro lugar o seu rexeitamento aos recortes do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade ao sostemento da rede de Servizos Sociais Comunitarios nos orzamentos de 2012 e 2013. Reclama que “manteña e sosteña un sistema público de servizos sociais que permita atender ao conxunto da cidadanía e garantir os dereitos sociais constitucionais”.

Gallego solicítalle ao Goberno de España “que repoña os fondos do Plan concertado e do programa de Teleasistencia como mínimo aos niveis de 2011, ademais dun compromiso financeiro estable para garantir a viabilidade dos servizos sociais básicos”.

Por outra parte, esíxelle á Xunta de Galicia “repoñer o orzamento dedicado ao Plan concertado aos niveis como mínimo do ano 2011”. Quere ademais dar traslado deste acordo ao presidente do Goberno, á ministra de Sanidade, á Federación Galega de Municipios e Provincias, á Federación Española de Municipios e Provincias e aos axentes sociais en Galicia e España.

Risco

Gallego advirte que a redución das partidas do goberno galego coincide coa “decisión do goberno central de retirar totalmente a súa achega para financiar os servizos sociais dos concellos”. Esta decisión, explica, “pon en risco o futuro dos servizos sociais municipais xusto no momento no que as familias necesitan máis axuda, aumenta a pobreza, os desafiuzamentos e as peticións de axuda de emerxencia social crecen un 200 por cento”.

Lembra que o Plan concertado constitúe “unha ferramenta fundamental para o desenvolvemento das prestacións básicas de servizos sociais” axudando aos concellos a manter unha rede de servizos sociais de atención primaria.

Estes fondos, explica, garantían as necesidades básicas da cidadanía, dotaban de apoio económico e técnico ás corporacións locais e consolidaban as prestacións que inclúen a axuda ao fogar e teleasistencia aos dependentes.

Acusa así a Feijóo e Rajoy de levar adiante unha “política descontrolada de recortes e axustes que provoca o desmantelamento dos servizos públicos básicos agravando máis a situación da cidadanía”. Sinala que os recortes, no peor momento da crise, “están afectando gravemente á cohesión social”.

Sinala que estes recortes provocan que o risco de exclusión social sexa “cada día maior en España e Galicia”, unha comunidade autónoma que rematou 2012 co récord de España en aumento de parados rexistrados, con 278.787 persoas, un 70,5 por cento mais que en 2009. Apunta ademais que actualmente en Galicia hai 91.900 fogares con tódolos seus membros en paro, 20.100 mais que hai un ano.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar