Reclamámoslle á Xunta que actúe para desbloquear as adopcións en Etiopía e Burundi

Reclamámoslle á Xunta que actúe para desbloquear as adopcións en Etiopía e Burundi

Reclamámoslle á Xunta que actúe para desbloquear as adopcións en Etiopía e Burundi

A portavoz de política social do grupo socialista, Noela Blanco, vén de rexistrar unha batería de iniciativas no Parlamento para que a Xunta desbloquee “de maneira urxente” a paralización dos expedientes das familias galegas que levan anos pendentes dunha adopción en Burundi e Etiopía, e que viron truncado o proceso polo peche da ONG Addis Galicia, Entidade Colaboradora de Adopción Internacional (ECAI). A socialista reclama tamén que a Xunta se poña en contacto co goberno de España para “explorar a vía diplomática” para o desbloqueo destes expedientes.

Blanco lembra que a Consellería de Política Social notificou recentemente ás familias adoptantes o peche da ECAI, explicando que Addis Galicia non pode cumprir co plan de viabilidade económica presentado ante a Dirección Xeral, “pero non aclara que pasará cos procesos de adopción que levan en marcha, en moitos casos, cinco anos”. Tampouco “cos das familias que, ademais, xa teñen por exemplo asignado un neno en Etiopía, e pagan 215 euros ao mes ao orfanato para a súa manutención”.

“O anuncio do peche da entidade situada en Vigo prodúcese só unha semana despois de que a mesma consellería autorizase á ONG o cobro ás familias dunhas tarifas extraordinarias para continuar cos trámites de 6.700 euros aos adoptantes en Burundi e de 14.000 aos de Etiopía, a maiores dos 10.000 xa comprometidos na firma do contrato e abonados case na súa totalidade polas familias”, apunta a socialista, que reclama tamén a actuación da Xunta para a devolución destes importes.

Blanco destaca que no caso de Burudi, onde esta ECAI era ata agora a única que xestionaba adopcións en España, o peche afecta a 30 familias con expedientes abertos. Dez son de Andalucía e nove de Galicia mentres que o resto corresponden a Madrid, Valencia, Castela e León, Asturias e Cantabria. A estes súmanse os 51 (49 galegos e dous asturianos) que estaban en marcha para adoptar en Etiopía.

Mercedes Cernadas

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar