Reclamamos medidas para frear o intrusismo no eido sanitario

Reclamamos medidas para frear o intrusismo no eido sanitario

Reclamamos medidas para frear o intrusismo no eido sanitario

O portavoz de Sanidade do grupo socialista, Julio Torrado, interpelou hoxe ao conselleiro no Pleno para reclamar medidas por parte da Xunta que freen a aparición de disciplinas non científicas e practicantes sen formación nin titulación axeitada “que provocan un gran crecemento do intrusismo laboral” no eido sanitario. Torrado denunciou esta “grave” situación que se dá polo aproveitamento destas persoas da “certa irracionalidade” que xeran as doenzas pero tamén pola “ineficiente xestión do sistema público, que favorece longas demoras e perda de calidade na atención” e por “unha débil acción de control” por parte da Administración pública. “A pesar de que hai unha base legal existente, non se aplica”, criticou.

 

Torrado desvelou que o goberno galego concedeu axudas públicas a través do Igape a unha nova empresa que dá tratamentos físicos e emocionais sen ter a capacitación profesional necesaria. “É unha grave lexitimación destas prácticas que a Xunta ampare e legalice traballos de intrusismo sanitario”, denunciou. O socialista lamentou que a resposta dada pola Xunta tras a denuncia de profesionais sanitarios deste problema fose que para dar axudas “non avalía os epígrafes profesionais”.

 

O socialista advertiu da proliferación destas prácticas, “que se afastan de criterios científicos”, e destacou que non só afectan á “competencia desleal” senón que principalmente “constitúen un problema sanitario”, ao que se lle engade “a inseguridade xurídica que se produce en caso de existir problemas para o paciente, o dano á imaxe das profesións e incluso prácticas de opacidade fiscal”. Ante esta situación, Torrado reclamou medidas para frear e combater este intrusismo e pediulle ao goberno galego datos sobre a contía do problema fiscal que este problema supón en Galicia, así como unha estimación do número de persoas que optan en Galicia por disciplinas non científicas e pseudociencias fóra do sistema sanitario público. Por último, interpelou ao conselleiro sobre a necesidade dunha “mellora na eficiencia” do Sergas para contribuír a evitar que algunhas persoas terminen por acudir a estes practicantes para tratar as súas doenzas.

 

O deputado socialista apuntou tamén ao “descoñecemento” e a “sobreinformación sen filtros” como causas da proliferación destes falsos profesionais, así como a lexitimación dos seus discursos que se fai incluso desde os medios públicos, e puxo como exemplo o relato antivacunas do presentador Javier Cárdenas en TVE. Por todo isto reclamou “elementos de concienciación” e “máis pedagoxía” ante a “falta de respostas necesarias”. Por último, incidiu na necesidade de mellorar a asistencia sanitaria fronte aos continuos recortes, e puxo sobre a mesa que Galicia ten “unha das peores proporcións do Estado” de profesionais sanitarios por paciente, polo que moita xente “busca unha saída” ante a demora na atención.

Mercedes Cernadas

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar