Reclamamos a devolución da Lei de Benestar Animal, feita desde un despacho

Reclamamos a devolución da Lei de Benestar Animal, feita desde un despacho

Reclamamos a devolución da Lei de Benestar Animal, feita desde un despacho

A portavoz de Medio Ambiente do Grupo Socialista, Patricia Vilán, presentou hoxe no pleno do Parlamento a emenda de devolución dos socialistas á Lei de Benestar Animal. A deputada criticou a “oportunidade perdida” que supón este proxecto de lei en temas  como “regular o abandono de animais domésticos, as festas taurinas, de que animais falamos cando se fala de circos con animais, ou o  maltrato a cabalos”. O grupo socialista foi o único que presentou unha emenda á totalidade deste texto, polo que esta mañá puido ser debatido no pleno. Do contrario, o trámite seguiría sen poder discutir máis que as “migallas”, reivindicou Vilán.

 

“Pódese defender unha lei para animais, pero non se pode vir aquí a dar un espectáculo e a dicir animaladas”, afirmou a socialista, que censurou que ao PP non lle guste debater a lei no Parlamento e prefira facelo “nunha charla café” cos seus convidados. A socialista lamentou a “falta de diálogo” da Xunta coas asociacións animalistas, ecoloxistas, protectoras de animais e particulares, e tamén co mundo rural, para desenvolver a normativa. “O resultado é un texto feito desde un despacho por alguén que semella non preocuparse pola protección dos animais e que se dirixe só a saír no foco mediático”, criticou Vilán. “Un texto de escasamente 40 artigos que recibe 170 emendas da oposición despois de dous anos metido nun caixón, merece unha emenda á totalidade”, defendeu.

 

Vilán presentou tamén, ademais da emenda á totalidade, 53 emendas parciais a un texto que apenas ten 50 artigos, porque “necesita ser mellorado e moito”. Entre outras cousas, o proxecto de lei si que regula, sinalou, a utilización de animais salvaxes nos circos, pero non di nada sobre os animais domésticos que tamén forman parte daqueles espectáculos, polo que propuxo avaliar o trato que reciben estas mascotas.

 

Tamén criticou que o texto se preocupe de sancionar a quen alimenta ou recolle animais na rúa –unha medida que xa suma 18.000 sinaturas en contra- pero deixa impune a quen coloca presas nas patas dos cabalos para que non fuxan. En definitiva, dixo, supón unha “oportunidade perdida polo PP para facer unha Lei avanzada con respecto á de 1993, que ten xa 24 anos”. Entre as emendas está tamén a petición de obrigatoriedade de identificación de todos os animais domésticos, sexan de compañía ou non.

 

A deputada socialista destacou que protectoras públicas e grupos de defensa e protección animal de Galicia farán mañá unha manifestación contra esta lei e censuran que o PP deixa estes servizos en mans de empresas privadas, ademais de non contar con estes colectivos para elaborar a lei. “Non sei se a conselleira de Medio Ambiente, que parece que vai ser candidata na Coruña, quere facer tacticismo electoral con isto, ou se vostede está a facer méritos porque quere ir na súa lista”, díxolle ao deputado coruñés Gonzalo Trenor, “pero despois desta intervención está a perder puntos”.

Mercedes Cernadas

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar