Reclamamos desbloquear as adopcións en Etiopía e Burundi ante a "frustración" das familias

Reclamamos desbloquear as adopcións en Etiopía e Burundi ante a "frustración" das familias

Reclamamos desbloquear as adopcións en Etiopía e Burundi ante a “frustración” das familias

A portavoz de política social do grupo socialista, Noela Blanco, preguntoulle hoxe ao goberno galego polos pasos dados para desbloquear a paralización dos expedientes das familias galegas que levan anos pendentes dunha adopción en Burundi e Etiopía, e que viron truncado o proceso polo peche da ONG Addis Galicia, Entidade Colaboradora de Adopción Internacional (ECAI). A socialista reclama que o goberno galego teña informadas “ao minuto” ás familias e que “intensifique a coordinación co Ministerio” para rematar coa “frustración” dos afectados.

 

Blanco lembra que a Consellería de Política Social notificou recentemente ás familias adoptantes o peche da ECAI, explicando que Addis Galicia non pode cumprir co plan de viabilidade económica presentado ante a Dirección Xeral, “pero non aclara que pasará cos procesos de adopción que levan en marcha, en moitos casos, cinco anos”. Tampouco “cos das familias que, ademais, xa teñen por exemplo asignado un neno en Etiopía, e pagan 215 euros ao mes ao orfanato para a súa manutención”. Por todo isto, pediu información sobre “en que situación se atopan agora mesmo os trámites” con “información veraz e que se axuste á realidade”.

 

A Xunta, “co pé cambiado”

A socialista destaca que en 2016 foron aceptadas oito novas asignacións, e preguntou se a Xunta realizaba “controis para coñecer a solvencia” da organización, “que xogou coa ilusión de moitas persoas”, ou “estivo mirando para outro lado”. Blanco trasladou a sensación de que os controis non existiron por parte do goberno galego, a quen toda esta situación colleulle “co pé cambiado”.

 

Unha mostra da falta de control da Xunta é que a día de hoxe o portal web autonómico para adopcións segue incluíndo a organización Addis Galicia como entidade acreditada, polo que Blanco esixiu que modifiquen o portal e informen da paralización dos procesos.

 

Por último, a socialista reclamou información sobre o protocolo público da Xunta para atender ás familias afectadas e respectar a resolución das súas solicitudes, e pediu aclaracións sobre a orde de adhesión na que serían atendidas.

Mercedes Cernadas

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar