Rajoy esixe complementarias aos pensionistas que foron traballar ao estranxeiro mentres amnistía aos defraudadores

Rajoy esixe complementarias aos pensionistas que foron traballar ao estranxeiro mentres amnistía aos defraudadores

Rajoy esixe complementarias aos pensionistas que foron traballar ao estranxeiro mentres amnistía aos defraudadores

A viceportavoz do Grupo Socialista, Carmen Gallego, anunciou que o PSdeG ven de esixir a Núñez Feijóo que se implique cos pensionistas galegos que perciben prestacións do estranxeiro, aos que agora Facenda “vai por eles” ao proceder a notificarlles a presentación de declaracións complementarias da renda desde 2008, xa que, na súa maioría estes emigrantes non fixeron declaración por estar suxeitos a dos pagadores, ao descoñecer esta norma e, estar con anterioridade exentos de declarar pola contía da pensión española.

A deputada socialista salienta que estes pensionistas están a soster as economías familiares onde a crise ten deixado aos seus membros en idade de producir no paro. Agora, reciben un prazo de dez días para a presentación da documentación necesaria para a súa regularización e, en moitas ocasións xa son apercibidos de sancións por parte da Axencia Tributaria.

Por esta razón a viceportavoz do Grupo Socialista reclama de Feijóo que esixa ao Goberno que, no caso de que teñan que facer esa declaración complementaria os prazos sexan mais folgados, non se cobren intereses e se permitan os pagos diferidos “que se non sabe o que son pode preguntarlle á Sra. Cospedal”, engadíu Gallego.

A parlamentaria socialista cifrou entre os 12.000 e 15.000 euros as cantidades medias que reclama Facenda, sumando complementaria e sancións. Na actualidade reclaman ademais os intereses cuns prazos de devolución moi curtos.

Carmen Gallego esixe que as declaracións complementarias aos emigrantes polas pensións do estranxeiro non leven implícita unha sanción económica, “que sirvan para regularizar a súa situación, e coñezan que no futuro teñen que facer esta declaración, pero non para castigalas”, porque están en situación, en moitos casos, “alarmantes”.

Censuran os socialistas esta campaña do Goberno de Rajoy porque se ceba sobre os máis febles, en Galicia percíbense as pensións máis baixas do Estado e son en moitos casos a fonte única de ingresos. Gallego Calvar afirma que “será legal, pero resulta inmoral”, que, puxo de exemplo, unha viúva cunha pensión de 33 euros ao mes de fora e pouco máis de 400€ de aquí teña que pagar estas sancións cando foi a Suíza “a traballar e non a evadir impostos”.

Recriminou aos populares que os defraudadores teñan amnistías fiscais promovidas polo Goberno de Rajoy, “que beneficiou entre outros, a Bárcenas, sete imputados da Gürtel, Diego Torres e a prima do rei”, apuntou a viceportavoz socialista. Aforráronse cada un deles unha media de 200.000€ de media para conseguir aflorar un 3.9% dos impostos evadidos. Mentres isto sucede, reprocha Gallego, quérenlle cobrar por non ter presentado unha declaración complementaria, cando moitos descoñecían que tiveran que facelo e ademais, recorda, hai sentenzas xudiciais que avalan o contrario cando se remitiron desde organismos públicos.

PREFERENTES

Na mesma comparecencia ante os medios, Carmen Gallego acusou ao Goberno de Feijóo de continuar “enganando aos preferentistas” cando esixen a continuidade da arbitraxe ao mesmo tempo que a paralizaron esta mesma semana. Condena a deputada socialista que os populares, logo de aprobar no Parlamento de Galicia a continuidade desta arbitraxe, “non moveran un dedo” para evitar que se parase a comezos de semana.

Centra Gallego a culpa en Núñez Feijóo e Rajoy, que tiveron a vontade de paralizar este proceso. Porque, xustifica a viceportavoz socialista, “quén manda NGB, Castellano ou Goberno?”, recorda que se trata dunha entidade intervida polo Estado.

Por iso censura o “cinismo político de Feijóo coas vítimas desta estafa”, e anunciou que os socialistas defenderán no vindeiro Pleno da Cámara galega unha Proposición non de lei na que se esixe que se manteña a arbitraxe, “como piden os afectados e moitos alcaldes do PP, e o propio Sr. Rueda” e que as persoas que opten pola vía xudicial teñan dereito a unha asistencia xurídica gratuíta.

Gallego aspira a que dun xeito definitivo os preferentistas sexan tratados como vítimas e reciban do Goberno a axuda que precisan.

32641281A

Deixar a resposta

Pechar