Protocolo contra a mutilación xenital feminina

Protocolo contra a mutilación xenital feminina

Carmen AcuñaA portavoz de Sanidade e Igualdade do Grupo Socialista, Carmen Acuña, presentou unha serie de iniciativas con motivo da conmemoración, hoxe sábado, do Día Internacional de Tolerancia Cero coa Mutilación Xenital Feminina. Os socialistas e as socialistas propoñen a posta en marcha na sanidade pública dun protocolo para previr, evitar e controlar esa mutilación.

A responsable socialista pregúntalle ao goberno galego polo número de posibles casos deste tipo detectados entre as nenas que residen en Galicia, e propón ademais a incorporación á carteira pública de servizos da cirurxía necesaria para afrontar as consecuencias destes casos.

Acuña reitera o “rotundo rexeitamento a esta agresión que non ten ningunha xustificación nin cultural nin sanitaria senón que, polo contrario, implica graves lesións sobre a saúde de millóns de nenas e mulleres no mundo”.

De acordo cos datos das Nacións Unidas, en todo o mundo hai en torno a 125 millóns de mulleres e nenas que sofren as consecuencias destas prácticas recoñecidas como “unha forma de violencia de xénero, unha violación dos dereitos humanos das mulleres e das nenas e unha tradición inxustificable”.

En África, calcúlase que cada ano 3 millóns de nenas corren o risco de sufrir unhas prácticas que xa non son consideradas un problema exclusivo daquel continente, senón que “tamén están en Europa e España, e por iso os poderes públicos deben actuar na súa completa erradicación e condena”.

Esta práctica, engade a deputada socialista, “reflexa unha profunda desigualdade e viola asemade os dereitos á saúde, á seguridade e á integridade física, o dereito a non ser sometida a torturas e tratos crueis inhumanos ou degradantes e incluso o dereito á vida, posto que mesmo pode acabar provocando a morte da vítima”.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar