Proposta para devolverlle a titularidade pública ao Pazo de Meirás

Proposta para devolverlle a titularidade pública ao Pazo de Meirás

Proposta para devolverlle a titularidade pública ao Pazo de Meirás

O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, propuxo hoxe que o goberno galego encabece unha Comisión especial na que tamén participen a Deputación de A Coruña e o concello de Sada para analizar a vía para recuperar a titularidade pública do Pazo de Meirás. Así o dixo no debate da Deputación Permanente celebrada hoxe no Parlamento.

Fernández Leiceaga fixo estas declaracións no debate para convocar un Pleno extraordinario coas comparecencias do presidente da Xunta e dos conselleiros de Sanidade e de Cultura sobre a renuncia de Feijóo a defender a transferencia da AP-9, a modificación da Lei de Saúde iniciada en pleno agosto e sobre a xestión das visitas ao pazo de Meirás por parte da Fundación Franco.

A solicitude foi rexeitada polo PP nun debate que se produciu a 29 de agosto por imposición da maioría parlamentaria malia que a solicitude foi rexeitada polos socialistas xunto co BNG e En Marea hai 22 días, o 7 de agosto.

O portavoz socialista instou ao goberno galego a “coller o toro polos cornos” no caso do Pazo de Meirás e constituír un órgano capacitado para analizar a fondo o expediente orixinal da doazón do Pazo á familia Franco, un acto “ilexítimo polo momento e as circunstancias no que se produciu” o espolio por parte dun réxime político ilegal.

Sinalou que a revisión do tránsito da propiedade a aquela familia debera abrir vías para unha revisión que “permita o retorno ás mans do pobo de Galicia na vía administrativa máis convinte” a través dun ditame técnico “que sinale a vía, ou se non a hai que estableza o camiño”.

A Fundación Franco, dixo, ten demostrado que “non é a instancia máis adecuada para organizar as visitas” a un inmoble declarado BIC, e que ten que compaxinar esta condición coa de residencia de verán para a familia do ditador.

Censurou que a Xunta opte por “botar balóns fora” mentres unha organización “cunha orientación política extremadamente definida e favorable ao franquismo sexa a encargada de trasladar os valores do Pazo á nosa sociedade”.

Lei de Saúde

O portavoz socialista tamén explicou a urxencia da comparecencia do conselleiro de Sanidade no mes de agosto, precisamente o período escollido polo seu departamento para realizar a presentación de alegacións ao anteproxecto de Lei de reforma da Lei de Saúde de Galicia. A pesares diso, advertiu, a día de hoxe o texto recolleu 1.537 alegacións fronte ás 15 que recibiu por exemplo a Lei de Farmacia.

Esta circunstancia, explicou, “da a medida da importancia do proxecto de Lei, polo que sería bo que o Parlamento coñecera as razóns da Consellería” para iniciar unha reforma que en definitiva “emprega un momento de recuperación económica para recortar a prestación sanitaria en lugar de reforzala”. Lembra que o PP leva 10 anos xestionando a sanidade pública, o que ten provocado un “déficit na prestación de servizos”.

“Algo falla” na xestión do goberno galego, dixo, para que hoxe “non haxa profesionais suficientes” na sanidade pública, e para que a Xunta utilice a reforma da Lei para reorganizar o mapa sanitario afastando as prestacións dos servizos sanitarios aos hospitais de cabeceira. A creación dos distritos sanitarios, explicou, suporá a perda de calidade nas áreas sanitarias de Valdeorras, Lemos, A Mariña e o Salnés.

Ademais advertiu que este anteproxecto cambia os consellos de Saúde de Área e do Consello de Saúde de Galicia, reducindo a participación social e municipal, para que a súa composición sexa determinada por decreto da Xunta “furtando o control social, recortando as súas funcións e diminuíndo a información”.

AP-9

Finalmente, reivindicou a comparecencia do presidente da Xunta para dar conta da súa capitulación na defensa do acordo parlamentario para transferir a AP-9 a Galicia. Lamentou que Feijóo teña renunciado a aproveitar o seu encontro con Rajoy e a cúpula do PP o pasado domingo para trasladarlle a posición de Galicia supostamente unánime para reclamar a titularidade da infraestrutura.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar