Prohibición aos circos con animais

Prohibición aos circos con animais

Prohibición aos circos con animais

A portavoz de Medio Ambiente do Grupo Socialista, Patricia Vilán, presentou hoxe unha proposición non de Lei para modificar a Lei de Protección de Animais de Galicia prohibindo os espectáculos de circo con animais pertencentes á fauna salvaxe. Vilán presentou esta iniciativa na Comisión de Medio Ambiente celebrada hoxe no Parlamento, e que foi rexeitada polo PP.

Vilán sinalou que a exhibición destes animais fóra do seu hábitat natural, obrigándoos a realizar actividades impropias da súa especie, é “unha crueldade e unha maneira de incrementar o tráfico ilegal de animais e a caza furtiva de especies protexidas”. Lembra que actualmente máis de 40 concellos de Galicia están a impedir este tipo de espectáculos.

Estes animais permanecen de por vida “privados de liberdade, atados, engaiolados ou encadeados en camións de traslado, negándoselles calquera posibilidade de satisfacción das súas necesidades”. Esta situación pode conducilos a “estados neuróticos e comportamentos repetitivos” e mesmo rexistrar “reaccións violentas”, co que iso supón de “risco para as persoas en caso de accidente”.

Reclama por iso a modificación da Lei 1/1993 de Protección de Animais Domésticos e Salvaxes en Catividade, que prohibe o uso de animais en espectáculos, pelexas, festas populares e outras actividades que lles poidan provocar danos, sufrimentos ou padecer tratamento antinatural. Os socialistas reclaman incorporar a mención expresa aos espectáculos de circo con animais salvaxes, que a día de hoxe non está rexistrado na dita Lei.

Rexeitamento

A proposta foi rexeitada polo PP, que “fía todo a un suposto anteproxecto de Lei para a Reforma da Lei de Protección de Animais”, que “a día de hoxe aínda é un anteproxecto que non sabemos cómo vai acabar”. Lamenta que o PP rexeite ofrecer seguridade xurídica aos concellos que xa están a impedir a celebración destes espectáculos e renuncie a apoiar unha proposta socialista que completa a norma en vigor.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar