Privatización sanitaria por convicción ideolóxica

Privatización sanitaria por convicción ideolóxica

Besteiro Hospital de VigoA portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Carmen Acuña, dixo hoxe que a Xunta está a demostrar “cada día que pasa” que a privatización da sanidade é un “eixo fundamental do seu programa” por unha cuestión de “convicción ideolóxica, que non de necesidade económica”. Así o dixo logo da entrevista ofrecida onte pola conselleira a un medio de comunicación na que abriu o debate sobre o o custe da sanidade pública.

Acuña considera “impresentable” que a conselleira “se atreva a dicir que lle gusta a sanidade pública, universal e gratuíta ao tempo que reclama un debate sobre o seu custe”. Lembroulle que “vámoslle responder dende xa: resulta moito máis barato un sistema de sanidade pública que ademais ten unha calidade moitísimo maior” que un sistema privatizado.

Puxo como exemplo o caso do Hospital de Vigo, que financiado dende a Sociedade Pública de Investimentos, como fora proxectado polo goberno socialista, custaría 600 millóns de euros. Sen embargo, coa súa privatización polo goberno Feijóo, os galegos e galegas terán que pagarlle a unha empresa privada máis de 1.500 millóns de euros repartidos nos próximos 20 anos.

A responsable socialista puntualizou que o sistema privado “si que é certo que ten unha vantaxe e un beneficio moi importante, pero só para os amigos de Feijóo e Mosquera que xestionan a sanidade privada”. Para o resto da poboación, advertiu, un sistema público de calidade, financiado a través dos impostos de todos e todas é moitísimo mellor.

Advertiu que “agradecemos que cada vez teñan menos vergoña en defender o seu ideario real a favor da privatización”, como demostran os últimos Orzamentos da Xunta, que “confirman, consolidan e agudizan os recortes sociais” e evidencian o desprazamento da pública en favor da privatización. Desafiounos a “deixar de utilizar o argumento da falsa austeridade como desculpa para recortar e desmantelar o sistema sanitario público”.

Contratos por horas

Acuña cualificou de “desfachatez” que a conselleira considere “mais que razoables” a aplicación de contratos por horas nun servizo público como o Sergas, cando a realidade é que “se trata dunha estratexia mais para precarizar o traballo sanitario e provocar a súa perda de calidade para a continuación xustificar novas privatizacións”.

Lembroulle que hai profesionais que “están a acumular ata 26 contratos nun só mes para unha mesma persoa”, nunha práctica “absolutamente inasumible para calquera”, e que fai “imposible a prestación dun servizo de calidade”. Dixo que a Xunta “atenta contra os dereitos dos profesionais” rexeitando as prórrogas ás que teñen dereito e evitando repoñer vacantes “mais que con contratos basura”.

Sinalou que hoxe “case a metade dos médicos especialistas carecen de praza fixa e levan 6 anos encadeando contratos, cunha media de 4 contratos no último ano. Nos últimos catro anos, explicou, mais de 10.000 médicos e médicas se foron de España e preto de 300 enfermeiros e enfermeiras abandonaron Galicia para traballar noutros países

Acusou de novo á conselleira de “agochar un verdadeiro ERE” na sanidade pública ao rexeitar tódalas solicitudes de prórroga dos médicos que acadan os 65 anos, negándose ao mesmo tempo a repoñer novos médicos para substituír aos xubilados. O certo é que hoxe o Sergas está a contratar tan só un médico por cada 26 que se xubilan, retornando a sanidade pública ás condicións dos anos setenta e oitenta.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar