Galicia terá 188 centros de votación nos que poderán votar 10.394 militantes

Galicia terá 188 centros de votación nos que poderán votar 10.394 militantes

Galicia terá 188 centros de votación nos que poderán votar 10.394 militantes

Este domingo, 21 de maio, os socialistas terán en Galicia 188 centros de votación distribuídos polas catro provincias nos que poderán exercer o seu voto 10.394 militantes do PSdeG-PSOE e das Xuventudes Socialistas nas primarias para elixir o secretario ou secretaria xeral do partido a nivel federal.

 

Os centros de votación serán, con carácter xeral, as agrupacións municipais, aínda que hai casos de agrupacións pequenas nos que se agruparán varias nun mesmo centro. Así, a provincia da Coruña, na que votan 3.635 militantes, contará con 66 centros. Pontevedra, con 2.844, terá 50 centros dispoñibles. En Lugo, as 2.016 persoas con dereito a voto poderán exercelo en 47 centros, e Ourense, con 1.647 militantes, terá 25 centros á súa disposición. Por último, os 252 afiliados e afiliadas directos poderán votar nas catro sedes provinciais.

 

Ademais de recibir un correo electrónico no que se lles informa de cal é o seu centro de votación, os militantes poderán consultalo na web do PSOE, en http://www.psoe.es/39congresopsoe/centros-de-votacion/ , onde tamén se lles facilita a dirección e o horario de votación. Ao ir a votar, os militantes terán que identificarse ante a súa mesa electoral co DNI, pasaporte ou carné de conducir.

 

O PSOE federal facilita a cada agrupación o material para poder levar a cabo a xornada de votación: urnas, precintos, papeletas, sobres, listados de votación, modelos de acta etc. Nos centros habilitarase ademais unha cabina ou habitación separada para garantir o exercicio secreto do voto. Cada unha das candidaturas poderá ter ademais ata dous interventores e dous apoderados por centro de votación para garantir a limpeza do proceso.

 

O horario de votación nas agrupacións de máis de 100 militantes será de 10.00 a 20.00 horas. Nas de menos de 100 militantes poderase establecer unha xornada reducida cun mínimo de catro horas para poder votar. Desde a sede socialista de Ferraz ofrecerase un avance de participación a partir das 15.00 horas. En canto ao escrutinio final, iranse volcando datos na páxina web do PSOE www.psoe.es a partir das 21.00 horas. Só unha vez se traslade o resultado final desde a sede de Ferraz, haberá tamén unha comparecencia na sede do PSdeG na rúa do Pino, en Santiago, para informar sobre os datos referentes a Galicia.

Mercedes Cernadas

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar