Presentarán emendas á Lei sobre a Cadea Alimentaria para que recolla o acordo de decembro pasado asinado polo goberno e o sector en presenza de Feijóo

Presentarán emendas á Lei sobre a Cadea Alimentaria para que recolla o acordo de decembro pasado asinado polo goberno e o sector en presenza de Feijóo

Presentarán emendas á Lei sobre a Cadea Alimentaria para que recolla o acordo de decembro pasado asinado polo goberno e o sector en presenza de Feijóo

Laura Seara anunciou que os socialistas esixirán a inclusión na lei das emendas acordadas con Feijóo polo sector lácteo galego o sete de decembro pasado

Socialistas e sindicatos coinciden en que do contrario sería un fracaso da influencia de Feijóo no Goberno e unha falta ao compromiso e ao aval depositado polo Presidente da Xunta na reunión mantida con Produtores, Industria e Distribución

As centrais salientaron que esta é a única oportunidade de regular por lei a protección do sector contra a imposición de prezos por baixo do custe de produción, como están a sufrir agora os produtores

O PSdeG-PSOE acolle de xeito positivo o proxecto de Lei da Cadea Alimentaria, porque permitirá unha regulación “moi esperada polo sector”. Así llo trasladaron aos máximos responsables das centrais agrarias galegas, o Secretario de Organización, Pablo García, a Coordinadora da área Institucional da Executiva e deputada, Laura Seara e a responsable de Medio Rural do PSdeG, Ana Doval.

En rolda de prensa posterior ao encontro, Laura Seara anunciou o apoio do Partido Socialista ao acordo asinado cos sindicatos o pasado sete de decembro co Presidente da Xunta. “Un acordo fundamental para o sector lácteo”, no que se acadaba o compromiso coa Industria e a Distribución para evitar a imposición aos produtores de prezos por baixo dos custes de produción.

O Grupo Parlamentario Socialista no Congreso, adiantou a deputada socialista, recollerá dúas emendas sobre o acordo asinado co aval da presenza do Presidente da Xunta para que este contemplado dentro da lei. O texto remitido polo Goberno do Estado ao Congreso non recolle o compromiso de regulación de prezos do acordo avalado por Feijóo.

O Partido Socialista, que xa mantivo contactos tamén a nivel de todo Estado sobre o desenvolvemento desta lei de Cadea Alimentaria, propuxo que se establecera unha rolda de comparecencias en comisión entre as que consideran pertinente a dun representante das centrais agrarias galegas, precisamente para defender a oportunidade de incluír no texto legal as emendas pactadas no acordo do pasado mes de decembro co Goberno galego.

Seara salientou que Feijóo é o garante do cumprimento dos acordos entre Xunta, Industria, Distribución e Centrais Agrarias. Polo tanto, considera que “calquera incumprimento que se produza é un incumprimento de Feijóo”, e así debe asumilo.

“Sería un incumprimento de país”, engadiu, pois para o PSdeG este en “un tema de país”, polo que considera incluso importante que as emendas que van presentar os socialistas, se puideran presentar conxuntamente por todas das forzas galegas con representación no Congreso “para darlle máis forza” no debate.

O Secretario Xeral de Unións Agrarias, Roberto García, salientou que son as centrais sindicais as que están a saír “ao rescate do Presidente” da Xunta, ante o “incumprimento” por parte de Feijóo de trasladar ao Goberno do Estado o borrador de proxecto. “Ben por deixación ou por falta de capacidade o compromiso con nós non se contempla no borrador da lei”, insistiu.

Resaltou a importancia que, incluso sobre outros sectores, ten o debate sobre a cadea alimentaria para o sector lácteo. Un sector ao que a UE permítelle ir moito máis alá ca outros en materia de regulación da competencia. Para o dirixente agrario isto fai fundamental unha regulación diferenciada na lei para o sector lácteo e contemplar así as excepcións en libre competencia que a lexislación comunitaria non tolera para outros produtos. Do contrario “non só sería un paso atrás, senón o desaproveitamento dunha oportunidade” que non se repetirá no futuro.

García entende que este asunto debe estar por riba das diferenzas entre partidos, e defende un acordo de país. Pediulle así a todos os partidos a reprodución literal do acordado co Presidente nas súas emendas.

Fixo fincapé na necesidade de regular por lei o que o Goberno non conseguiu pola vía das boas prácticas. Conclúe Roberto García que “só a regulación legal que obrige a que os prezos cubran custes de produción pode ser unha solución para os gandeiros”.

Isabel Villalba, secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego recordou que son máis de 60.000 postos de traballo que arrastra o sector lácteo en Galicia. Argumento máis que suficiente para rematar coa anacrónica situación da imposición de prezos de xeito unilateral pola industria aos produtores.

A representante do SLG tamén salientou a importancia da oportunidade do trámite desta lei de cadea alimentaria para que “o sector non sexa extorsionado e obrigado a producir a perdas”, como sucede na actualidade.

Á xuntanza, en representación do Xóvenes Agricultores asistiu o secretario xeral, Francisco Bello.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar