Preguntaremos no Parlamento polos cinco festivais de cine galegos que quedaron sen axudas do Agadic

Preguntaremos no Parlamento polos cinco festivais de cine galegos que quedaron sen axudas do Agadic

Preguntaremos no Parlamento polos cinco festivais de cine galegos que quedaron sen axudas do Agadic

A portavoz de Cultura do grupo socialista, Concepción Burgo, preguntaralle ao goberno galego no Parlamento polo feito de que “cinco dos máis importantes festivais de cine de Galicia non teñan subvención do Agadic en 2017”. Burgo lembra que o Festival de Cans queda sen ningunha axuda “por primeira vez en catorce anos”, e tampouco  reciben nada Curtocircuito, Cineuropa, Freakemacine e Primavera de Cine, “alegando un defecto de forma na entrega da documentación”, unha decisión da Xunta “moi grave” para o sector.

 

Nesta convocatoria, por primeira vez, estas axudas tiñan como requisito obrigatorio ser presentadas por vía electrónica “sen que se establecera ningún tipo de asistencia para solucionar os problemas que se sucederon de forma continua”, afirma a socialista, que relata que todos os festivais apartados das subvencións “tiveron problemas para acceder á sede electrónica e rexistrar as súas solicitudes” polo que a maioría “decidiron enviar a documentación necesaria por correo certificado dentro do prazo marcado pola convocatoria”.

 

A celebración dos festivais, en perigo

Esta documentación non foi aceptada pola comisión avaliadora, que decidiu deixalos fóra “sen tentar buscar unha solución” ao que claramente derivaba de problemas coa sede electrónica da Xunta, algo “moi usual” nas peticións de axudas e subvencións de todo tipo. A decisión “pon en perigo a celebración dos festivais de cine máis importantes de Galicia”, advirte a deputada, e “está nas antípodas da obriga do Agadic de impulsar o audiovisual”.

 

Burgo lembra como exemplo que a subvención do Agadic supón o 25% do orzamento total do Festival de Cans, a pesar de ser unha cantidade “cativa” de 29.000 euros, e que non a perciba deixa o festival “nunha situación de incertidume” a un mes da súa celebración. A todo isto, apunta, hai que engadirlle a escasa axuda que a Consellería de Cultura ofrece a estes festivais, xa que “a cantidade global da convocatoria era de tan só 150.000 euros”.

Mercedes Cernadas

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar