Praza "a medida" na Escola Superior de Conservación e Restauración de BB. CC.

Praza "a medida" na Escola Superior de Conservación e Restauración de BB. CC.

Praza “a medida” na Escola Superior de Conservación e Restauración de BB. CC.

A portavoz de Cultura do Grupo Socialista, Concepción Burgo, denunciou hoxe “prácticas caciquís máis propias do século XIX” na creación e concesión “a dedo” dunha praza na Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais. Criticou a defensa numantina desta praza polo PP, que se negou na Comisión de Cultura de hoxe a apoiar unha iniciativa do PSdeG para a súa anulación.

A deputada socialista denunciou o que considera “un caso máis de corrupción por parte do PP que desacredita todo o seu discurso contra estas malas prácticas”. Ademais constitúe unha “situación arbitraria inaceptable e totalmente fora da Lei” ao crear unha praza “ad hoc” en contra de calquera principio democrático.

Burgo considera “inconcibible” que o goberno galego replique casos “máis propios da época decimonónica” e lamentou que “nunca aprenderán a ser democráticos nin o auténtico valor dos principios de igualdade de oportunidades, mérito e capacidade”.

A deputada socialista sacou á luz a creación desta praza coa especialidade “Conservación e Restauración de Documento Gráfico” a pesares de que esta non se imparte na escola, que viu cómo lle era concedida unha praza que tampouco solicitara.

Advertiu ironicamente da “sorpresa” que supuxo que a praza fora adxudicada á única persoa en todo o Estado que a solicitou e que “casualmente estaba ocupando o cargo de directora do Museo Pedagóxico de Galicia” e que xa “intentaran metela pola porta de atrás na Escola de Conservación no ano 2013, dunha forma tan ilegal que a propia Consellería tivo que rectificar”.

Tamén “casualmente”, continuou, resulta que a beneficiaria “ten lazos de parentesco cun alto cargo da Xunta de Galicia” e que, dixo no mesmo ton irónico, “por suposto que non se trata dun posto feito á medida”.

A situación foi denunciada dende o mes de marzo pola Dirección e profesorado da Escola e pola totalidade dos sindicatos, que puxeron de manifesto que “o procedemento foi irregular e só se entende como un caso de enchufismo”. O goberno galego declinou responder desta denuncia “agás certas presións e ameazas denunciadas polos profesores”, polo que interpuxeron denuncia ante a Fiscalía de Pontevedra.

Os socialistas galegos reclamaron hoxe a anulación da convocatoria e adxudicación, polo concurso xeral de traslados, “da praza que aparece no corpo 595 na especialidade 506 de Conservación e Restauración de Documento Gráfico para a Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia”, unha proposta que foi finalmente vetada polo PP.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar