A política do PP contra a violencia machista: Poñer un cartel de ´volvemos o 13 de setembro´ no xulgado especializado da Coruña

A política do PP contra a violencia machista: Poñer un cartel de ´volvemos o 13 de setembro´ no xulgado especializado da Coruña

A política do PP contra a violencia machista: Poñer un cartel de ´volvemos o 13 de setembro´ no xulgado especializado da Coruña

A portavoz de Xustiza do grupo socialista, Patricia Vilán, vén de presentar varias iniciativas parlamentarias nas que critica a decisión dos gobernos do PP de Rajoy e Feijóo de non substituír no verán o xuíz de garda dun dos dous únicos xulgados especializados en violencia machista de Galicia, o da Coruña. Vilán lembra que o propio xuíz solicitou por escrito a substitución, que lle foi denegada. “A política de loita contra a violencia machista do PP é poñer o cartel de ´volvemos o 13 de setembro’; parece unha broma pero non o é, é escandaloso”, censurou a socialista, que agradeceu a labor de denuncia do Observatorio de Igualdade da Coruña que agora o seu grupo traslada ao Parlamento.

 

Nas iniciativas, Vilán solicita partidas específicas para xuíces substitutos nestes xulgados de violencia machista e novos xulgados especializados en Galicia, ademais de reformas nas dependencias xudiciais para evitar que se crucen vítimas e agresores, máis persoal e un aumento da formación especializada. Ademais, rexistrou unha pregunta urxente para o primeiro pleno de setembro coa que quere coñecer “cal foi a resposta da Xunta” ao Ministerio cando denegou que houbese un xuíz substituto no xulgado de violencia machista. O Goberno central alegou, supostamente, que a estas alturas do ano xa se ten superado nun 106% o orzamento para facer este tipo e contratacións en Galicia.

 

“O goberno a través da secretaria xeral de igualdade dicía hai un par de meses que as mulleres que sofren violencia deben saber que contan con recursos e co apoio de toda a sociedade”, lembrou Vilán, que incidiu en que no Congreso vén de alcanzarse por unanimidade unha proposta de pacto de Estado contra a violencia machista  no que se reclama dotar suficientemente os orzamentos para a loita contra esta violencia. Mentres, ningún dos 80 novos xulgados programados en España será especializado nestes temas. “Está moi ben firmar papeis, premer botóns para dicir que se está a favor da loita contra a violencia machista pero cando a realidade nos di que hai que facer un traballo de verdade, Feijóo e Rueda miran para outro lado, e Rajoy dedícase a ir ao baile da Peregrina con debutantes presentadas en sociedade con 18 anos, esa parece que é a loita contra a desigualdade que ten o PP”, afirmou.

 

En Galicia, destacou Vilán, hai unha media de 15 denuncias diarias por violencia de xénero, cun incremento de case o 8% en 2016 e 54 mulleres asasinadas desde 2010. Nestes momentos son os xulgados de garda da Coruña, cunha enorme carga de traballo, os que se teñen que adicar a estes temas, e están a aplazarse decisións como as referidas ao réxime de visitas dos fillos, que deben tomarse de forma inmediata nun período de 30 días despois dunha denuncia. A socialista apuntou ademais que no verán habitualmente se produce un aumento de casos de violencia machista.

 

Mercedes Cernadas

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar