Pola paralización do tendido de Fenosa na fraga de Catasós

Pola paralización do tendido de Fenosa na fraga de Catasós

Pola paralización do tendido de Fenosa na fraga de Catasós

O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, esixiulle hoxe á Xunta a paralización do tendido de Fenosa na Fraga de Casas Vellas en Catasós, entre as localidades de O Irixo e Lalín, autorizado polo Goberno galego en contra da normativa ambiental. O responsable socialista visitou hoxe o Concello xunto coa portavoz de Medio Ambiente do Grupo Socialista, Patricia Vilán, o tenente de alcalde de Lalín, Nicolás González, e a concelleira de Medio Ambiente, Celia Alonso.

O portavoz do Grupo Socialista anunciou que os socialistas levarán ao próximo Pleno iniciativas sobre a sentenza do Xulgado de Pontevedra que desestimou a demanda de Fenosa contra o Concello por negarse a concederlle licenza ao proxecto, evidenciando que o goberno galego concedeu tódalas autorizacións a un proxecto que “incumpría a normativa ambiental autonómica”.

Sinalou que a Xunta está “obrigada” a un cambio de postura e debe agora paralizar o proceso expropiatorio, retomar a Declaración de Impacto Ambiental e esixirlle a Fenosa un novo proxecto que respecte a normativa ambiental, aínda que a sentenza xudicial non sexa firme e Fenosa teña decidido recorrela.

Fernández Leiceaga esixiu o “compromiso firme do goberno galego co noso patrimonio natural”, seriamente ameazado polo proxecto de construción da liña de alta tensión entre O Irixo e Lalín, que destruiría a Fraga de Casas Vellas en Catasós. Esta fraga está situada preto do entorno natural protexido da Fraga de Quiroga e podería ser considerada unha continuación do mesmo, declarado monumento natural.

A voracidade da empresa ameaza especies centenarias de distintas variedades, entre elas carballos e máis de 200 castiñeiros, cun proxecto orixinario de 2007 cun orzamento orixinal de 10 millóns de euros. En 2012, veciños e veciñas da localidade presentaron alegacións ao proxecto e interpuxeron un recurso de reposición diante da Xunta, sen obter resposta por parte do Goberno.

Si que obtiveron resposta do PSdeG, que presentou diversas iniciativas parlamentarias reclamando a derrogación da autorización da liña e propoñendo o soterramento do trazado para evitar o impacto sobre o entorno. Tamén foron os socialistas galegos os que obtiveron o cambio da postura do Concello, que coa súa participación pasou de estar do lado da empresa a negarse a conceder a licenza ao proxecto.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar