O Plan Forestal da Xunta precisa dunha "mellora substancial e máis consenso"

O Plan Forestal da Xunta precisa dunha "mellora substancial e máis consenso"

O Plan Forestal da Xunta precisa dunha “mellora substancial e máis consenso”

O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, reclamoulle hoxe á Xunta que utilice o traballo da Comisión de Estudo para a reforma da Política Forestal para encetar unha “mellora substancial” no Plan Forestal presentado hoxe pola Xunta no dito órgano.

Na comparecencia do director xeral de Ordenación Forestal no Parlamento, o responsable socialista reclamou “máis consenso político con relación aos resultados desta Comisión” para conseguir un Plan Forestal útil para Galicia. Reivindicou neste sentido máis equilibro na tripla dimensión territorial, medioambiental e sectorial, actualmente excesivamente centrado na última delas.

Fernández Leiceaga puntualizou que máis alá da dimensión sectorial, os puntos de vista territorial e medioambiental “carecen de efectos prácticos” xa que en primeiro lugar presentan un borrador “cun tratamento homoxéneo”. Advertiu a falla de zonas periurbanas con problemas específicos, así como dos distritos agrairios ou a Galicia de montaña, que non distingue climas, sistemas de explotación do monte ou especies.

Por outra banda, a dimensión ambiental fica reducida a un “subproduto da acción produtiva”, que é considerada como “mero acompañamento da estratexia produtiva” e carece por exemplo información relativa á Rede Natura. Explicou por exemplo que ademais a maior captación de CO2 unicamente se explica como consecuencia do incremento da produción de madeira, pero sen fixar medidas nin obxectivos.

Ademais, censurou a “brétema” coa que o goberno galego presenta a propia dimensión produtiva do plan, que renuncia a explicar os motivos para o incremento da superficie arborada, e abusa dun “punto de arbitrariedade” á hora de fixar o obxectivo produtivo á marxe da situación do mercado.

Esta falla de rigor na planificación produtiva, dixo, supón que “piden un cheque en branco” para que os grupos parlamentarios aproben a proposta sen explicar nin coñecer as previsións nin obxectivos. Sinalou que presenta un cambio da política forestal “pouco audaz” con relación aos incendios, e falla unha reflexión profunda sobre as superficies forestais que “non di que debe substituír aos convenios e consorcios”.

Lamentou a falla de medidas específicas sobre os usos e producións non madeireiros, cunha sinalada eiva de referencias aos obxectivos da produción de mel, cogomelos, resinas ou plantas medicinais, así como das necesidades de extensión do sector gandeiro.

Orzamentos

O portavoz socialista criticou ademais a escaseza de orzamentos proposta no borrador do Plan presentado hoxe pola Xunta, que propón pasar de 112.000 millóns de euros, aumentando o 1 por cento anual. Explicou que estas cantidades sitúanse por debaixo do que destina a Xunta ao monte nos orzamentos de 2018.

En calquera caso, e tendo en conta os investimentos, os orzamentos de 2018 están por enriba deste obxectivo, co que o mesmo plan chegaría ao previsto nos orzamentos para este ano en 2021, ademais de que evita incluír referencia aos programas europeos.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar