Plan de retorno para 600 profesionais altamente cualificados

Plan de retorno para 600 profesionais altamente cualificados

Abel-LosadaO portavoz de Economía, Industria e Innovación do Grupo Socialista, Abel Losada, presentou hoxe unha batería de iniciativas parlamentarias para propoñer un plan de retorno do talento científico e profesional emigrado de Galicia. O responsable socialista acusou ao PP de provocar un “cambio de modelo” económico rebaixando salarios e capacidade adquisitiva e impulsando a emigración en contra de toda lóxica.

Losada propón así destinar un mínimo de 60 millóns de euros en catro anos para a recuperación e consolidación de 400 investigadores e investigadoras. Ademais quere destinar outros 30 millóns para un programa de talento profesional para recuperar a 200 mozos e mozas altamente cualificados que tiveran que emigrar fora da Comunidade Autónoma, que serían beneficiarios de convenios a través do Again e o Igape.

O responsable socialista advirte que “a coartada de que non hai fondos non serve”, toda vez que, lembrou, Feijóo reduciu un total de 150 millóns de euros do Plan Galego de I+D+i dende a súa chegada en 2009, e dos escasos fondos que quedaron deixou sen executar neste período un total de 200 millóns de euros. Este é o motivo, explicou, de que o investimento de I+D en Galicia pasara do 1,06 ao 0,86 por cento do PIB.

Abel Losada sinalou que o programa Oportunius posto en marcha polo goberno galego “evidentemente non funciona”, xa que supuxo a contratación de tan só 3 investigadores, “por moitas fotos que se faga o conselleiro con eles”.

Modelo fracasado

Propón polo contrario reverter o cambio de modelo imposto polo PP de rebaixar salarios e cualificación profesional, que supón “pan para hoxe –e pouco pan- e fame para mañá”, provocando escaso crecemento e desigualdade social. Os socialistas, explicou, queren implantar polo contrario un “círculo virtuoso” de mellora do I+D, do valor engadido, a cualificación laboral, os salarios, a capacidade adquisitiva e, polo tanto, o consumo.

Fronte ao “discurso triunfalista carente de autocrítica” do PP e de Feijóo, Losada cualificou de “fracasado” un modelo que provocou que o PIB medrara por debaixo da media, así como a ocupación. Advertiu de que a afiliación á Seguridade Social medra moito menos que o número de ocupados, que se mantiveron en torno a 1,03 millóns entre 2012 e 2015, unha etapa na que se rexistraron 54.000 parados menos que “ou emigran ou se desaniman”.

Ademais, mentres o número de fogares sen ingresos descendeu no Estado un 2,6 por cento en 2015, en Galicia aumentaron un 6,5, ata o punto de que hoxe hai 32.800 fogares sen ingresos, o que equivale a en torno a 100.000 persoas.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar