O Plan de Prevención do suicidio da Xunta é "de cartón pedra"

O Plan de Prevención do suicidio da Xunta é "de cartón pedra"

O Plan de Prevención do suicidio da Xunta é “de cartón pedra”

O portavoz de sanidade do grupo socialista, Julio Torrado, criticou hoxe no Parlamento tras a comparecencia do conselleiro que o Plan de Prevención do Suicidio da Xunta é “de cartón pedra” porque non achega solucións nin prazos nin financiamento, e reclamou que “xa que chega tarde, polo menos que chegue ben”, xa que en Galicia é necesario “un plan estratéxico completo” que trate o suicidio, a saúde mental ou as condutas aditivas.

Torrado lembrou que existía un plan estratéxico de saúde mental que o goberno galego desbotou, e tamén que os gobernos do PP se opuxeron ás peticións no Parlamento galego, no Congreso e no Senado a pesar das recomendacións da OMS. Por outra parte, lamentou que non se lle dese participación aos profesionais galegos e o Plan de Prevención de Suicidio fose encargado a unha consultora de fóra de Galicia.

O socialista destacou ademais que o plan da Xunta non inclúe os datos do Imelga sobre suicidios referentes a 2016 que serían “clarificadores” e desvelan que en Galicia hai unha media aproximada dun suicidio ao día, 2,5 veces a dos accidentes de tráfico, e que non é certo que sexa unha problemática en descenso, senón que houbo un descenso en Lugo pero un aumento no resto de provincias. “Hai un problema de datos non actualizados e infraestimados en parte por un tabú social, non nos fagamos trampas ao solitario”, afirmou Torrado.

Ademais da falta de datos, o socialista criticou que o modelo adoptado para realizar o plan “non é modelo de consenso no sector e nin sequera o maioritario” ademais da existencia dun “problema de medios e falta de recursos porque non hai os profesionais suficientes” neste sector. “É un plan sen ningunha achega económica, e este non é un espazo para facer publicidade no que o único que leva cartos é a consultora que fai o plan”, reprochou. “É pouco concreto, nada substancial, un facer para poder dicir que se fai”, dixo. Por outra parte, Torrado chamou a desterrar a “estigmatización” do suicidio e non só “psiquiatralizalo”, xa que os problemas mentais non son a única causa.

En canto ás propostas do grupo socialista, reclamou ter en conta modelos de traballo como o que están a levar a cabo os profesionais de Ourense, “que funciona e debe ser explorado para ver se pode exportarse ao resto da comunidade”. Ademais, pediu falar cos profesionais da saúde, incorporar datos novos, deseñar unha estratexia conxunta e aportar financiamento para a investigación no eido dos suicidios e tamén das tentativas de suicidio, coa aposta por técnicas como a autopsia psicolóxica ou co impulso da creación dun grupo de investigación específico.

Mercedes Cernadas

Artigos relacionados

Deixar a resposta

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.

Pechar