Plan de futuro para as explotacións vitivinícolas afectadas polas xeadas

Plan de futuro para as explotacións vitivinícolas afectadas polas xeadas

Plan de futuro para as explotacións vitivinícolas afectadas polas xeadas

O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, viaxou hoxe ata Verín para reclamarlle á Xunta que utilice as axudas previstas logo das xeadas que asolagaron á Denominación de Orixe Monterrei para deseñar un plan de futuro conxuntamente co Consello Regulador e os representantes de agricultores e adegas.

Subliñou que, ademais das axudas directas para os afectados por estes danos que os afectarán nos próximos dous anos, o goberno galego debe aproveitar a difícil situación para “pensar no futuro sen comprometer o traballo de 25 anos para o recoñecemento da calidade do produto no mercado”.

Apunta que estas axudas públicas deben ser xestionadas de forma “rigorosa”, cunha avaliación estrita dos danos e tamén “pensando na pervivencia a medio e longo prazo da calidade dos caldos”.

Dixo que “se trata de gañar o futuro” e garantir unhas mellores condicións de produción fronte a un problema que “repetirase no futuro”, polo que propuxo “mellorar o deseño dos seguros agrarios”. Resumiu propoñendo “aproveitar un acontecemento natural negativo para mellorar a protección dos produtores”.

Anunciou que os socialistas galegos presentarán unha serie de iniciativas parlamentarias tanto sobre a Denominación de Orixe Monterrei como dos outros selos de calidade dos viños galegos, para que “a administración tome cartas no asunto, se sente cos consellos reguladores e ofreza unha solución de conxunto sobre o viño”.

Alcalde

Así se manifestou tamén o alcalde de Verín, Gerardo Seoane, quen subliñou que “trátase de salvar á Denominación de Orixe con honor, non só no nome”, e advertiu que as accións anunciadas polo goberno galego ata o momento “non inciden no problema real de salvar á DO”, xa que os danos provocarán que “non vai haber produción suficiente”.

Advertiu que “compre axudar aos produtores e ás adegas, pero sempre dende o punto de vista de que Monterrei quede impoluta”, xa que á marxe das axudas, “se intentamos paliar con medidas de tipo económico sen ir ao problema central poñemos en risco que un distribuidor poida desconfiar”.

O portavoz socialista acudiu hoxe xunto co parlamentario ourensán Raúl Fernández ata a localidade de Verín, onde mantiveron un encontro co alcalde, Gerardo Seoane, o secretario comarcal de Unións Agrarias, José Ramón González, e os responsables da DO Monterrei, para avaliar a situación xerada logo da xeada dos últimos días.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar