Plan de choque contra o "fracaso endémico" no ensino de linguas estranxeiras

Plan de choque contra o “fracaso endémico” no ensino de linguas estranxeiras

IES MilladoiroO portavoz de Educación do Grupo Socialista, Vicente Docasar, reclamou hoxe un “plan de choque” con medidas a tódolos niveis educativos para impulsar a aprendizaxe de idiomas estranxeiros e “superar o fracaso lingüístico” do ensino de idiomas estranxeiras en Galicia. O responsable socialista presentou unha interpelación ao conselleiro de Educación coas principais propostas trasladadas por profesionais do ensino de tódolos niveis educativos.

Docasar reclamou en primeiro lugar actualizar os currículos educativos para priorizar a expresión e comprensión oral, aumentar as horas lectivas en dúas linguas estranxeiras con clases de conversación en grupos pequenos impartidas por profesores especializados. Neste sentido, reclamou formación continua para os docentes, incrementando a presenza de auxiliares de conversa ou mellorando as seccións bilingües.

Os socialistas galegos reclaman bolsas para estadías de verán destinadas aos alumnos con menos recursos, incluídas as bolsas Erasmus, así como potenciar a obtención de títulos oficiais en linguas estranxeiras, ampliando ademais o número de centros que impartan o Bacharelato Internacional para que teñan a posibilidade de acceder á dita formación os alumnos das catro provincias.

O responsable socialista propuxo tamén dotar aos centros educativos “das ferramentas tecnolóxicas necesarias para poder impartir con garantías as clases de linguas estranxeiras”, superando por fin “o clásico e trasnoitado radio-cd”.

País rezagado

Vicente Docasar reclamou así unha “batería de medidas para conseguir que a aprendizaxe das linguas estranxeiras no sistema educativo sexa máis exitosa e deixemos de ser un país rezagado á hora de aprender idiomas”. Propuxo “un importante esforzo de cambio de actitudes na administración, o profesorado, o alumnado e familias” para “corrixir o sistemático fracaso do noso alumnado á hora de aprender idiomas estranxeiros”.

Sinalou que “é certo que os nosos alumnos comezan a idades temperás a estudar o inglés, pero non é comprensible que, aínda así, ao final da etapa educativa sexan incapaces de comunicarse con fluidez nos idiomas que estudan”.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar