Plan de apoio para o sector téxtil en Ordes e comarca

Plan de apoio para o sector téxtil en Ordes e comarca

Plan de apoio para o sector téxtil en Ordes e comarca

A portavoz de Economía do grupo socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, defendeu unha pregunta no pleno do Parlamento para reclamarlle á Xunta un “plan de apoio específico” para o sector téxtil no concello de Ordes e a súa comarca. A socialista criticou a “falta de apoio da Xunta ao sector” e o recorte de compromisos no rural pese a que Feijóo presume de que é a súa prioridade nesta lexislatura. “A risa é inevitable ante as súas verbas comparadas coa realidade que estamos a vivir no rural galego”, replicoulle ao conselleiro Francisco Conde.

 

A socialista lembrou a elevada destrución de emprego nunha comarca cunha poboación dunhas 40.000 persoas que vivían fundamentalmente dos sectores primario e téxtil. “O téxtil nesta comarca contaba no ano 2012 cuns 1.500 empregos, que se foron perdendo paulatinamente: 332 de 2008 a 2012, uns 50 no 2014 co peche de Textilmendo, 120 no ano 2016 co peche de Viriato, e nestes momentos 103 mulleres nun ERE do Grupo Deus cun atraso nos pagos de cinco mensualidades”, dixo. En total, 605 traballos directos femininos só no sector téxtil, “sen cuantificar os pequenos talleres que se tiñan artellado ao redor das empresas máis grandes”.

 

Rodríguez Rumbo apuntou que se trata dun sector “feminizado”, cunha precariedade laboral e salarial acusada que “aínda está moi lonxe da igualdade acadada noutros sectores”, e explicou que a destrución de emprego está motivada pola competencia polo prezo, que tivo como consecuencia a deslocalización no estranxeiro, pero “tamén pola inexistencia dun plan estratéxico que permitira a súa supervivencia”.

 

“Os socialistas xa temos presentado varias iniciativas porque este problema se vía vir”, afirmou a deputada, que pediu incluír o sector na axenda de competitividade da Xunta, apostando pola dinamización e renovación dos talleres e solicitou respostas para as traballadoras do grupo téxtil Deus, que estaban presentes na tribuna durante a intervención no pleno. “Alégrome de que o feito de que estén elas aquí hoxe sirva para que vostede se sente co alcalde e con elas, porque merecen un traballo digno e unha vida digna”, afirmou.

Mercedes Cernadas

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar