Pilar Cancela: “A liberdade é un dereito fundamental, o PP desde o Estado intenta aniquilar o dereito a decidir, a ser libres”

Pilar Cancela: “A liberdade é un dereito fundamental, o PP desde o Estado intenta aniquilar o dereito a decidir, a ser libres”

Pilar Cancela: “A liberdade é un dereito fundamental, o PP desde o Estado intenta aniquilar o dereito a decidir, a ser libres”

A secretaria de Organización do PSdeG encabezou a pancarta tras a que os socialistas galegos participaron na manifestación convocada hoxe en Santiago pola Plataforma galega polo dereito ao aborto

Os socialistas salientan o consenso das forzas políticas e a representación social do pais, unidos na Plataforma, para rexeitar a reforma de Gallardón da interrupción voluntaria do embarazo e na defensa da lei de supostos fronte á lei de prazos que quere impoñer o PP e que significaría retroceder 25 anos

A secretaria de Organización do PSdeG-PSOE, Pilar Cancela, encabezou hoxe a representación do PSdeG-PSOE na manifestación polo dereito a decidir convocada este mediodía en Santiago pola Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto, na que participa esta formación política.

A dirixente socialista salientou que, “en calquera ámbito da vida, dunha muller galega ou dunha muller española da conmemoración do día muller do ano pasado a este o único que ten habido é un retroceso, un retroceso absoluto, non soamente no ámbito do traballo, senón da sanidade e da educación”.

Pero preocupa especialmente aos socialistas “un retroceso do que pensamos que nunca máis teríamos que volver falar”, refírese Pilar Cancela á liberdade. “A liberdade é un dereito fundamental e constitucional e, neste momento, o Partido Popular desde o Estado está intentando aniquilar o noso dereito a decidir, o noso dereito a ser libres”, acusou a número dous dos socialistas galegos.

Rexeita a intención dos populares de “querernos tutelar como se non fóramos quen, como se non fóramos persoas que puideramos exercer libremente eses dereitos. Ante este “ataque directo e esnaquizador dos nosos dereitos hoxe estamos en pe aquí as mulleres, cos homes, para conseguir o que nos corresponde, ser persoas libres no pleno exercicio dos nosos dereitos civís e da nosa dignidade”.

O PSdeG-PSOE salienta o consenso acadado dentro da Plataforma entre forzas políticas, sindicais e tecido asociativo para rexeitar a reforma da lei de interrupción voluntaria do embarazo que pretende o Goberno do PP, nomeadamente o ministro de Xustiza, Ruíz Gallardón, que suporá un retroceso a 1985, coa volta a unha lei de supostos.

A chamada lei de prazos, actualmente vixente, é a que adoptou a maioría dos países da nosa contorna. Trátase dunha norma xurídica que permite á muller embarazada, dentro dun prazo determinado (14 semanas no noso caso), realizar unha interrupción do embarazo, dentro do sistema público de saúde de maneira gratuíta e sen quedar supeditada na súa actuación á opinión ou ditame doutras persoas.

Os socialistas advirten que a reforma do Goberno de Rajoy supón volver a un tempo onde, as mulleres que podían, viaxaban ao estranxeiro para abortar ou o facían clandestinamente. Denuncian tamén que as mulleres volverán necesitar dun permiso dun profesional ou dun titor ou titora legal para interromper o embarazo, o que supón unha merma do dereito á liberdade de decisión.

De continuar adiante a reforma de Gallardón, a liberdade das mulleres para decidir sobre o seu propio corpo verase permanentemente axuizada polo mesmo Goberno que está a promover uns recortes que fan que as vidas da cidadanía se precarice até extremos que pouco podiamos sospeitar.

Cancela acudiu á manifestación acompañada do portavoz parlamentario, José Luis Méndez Romeu e a portavoz de Igualdade da Executiva, Eva Martínez, así como das parlamentarias e parlamentarios do PSdeG, representantes municipais e cargos orgánicos.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar