Pemex pasa de "fundamental" a "irrelevante" para Punta Langosteira segundo a Xunta

Pemex pasa de "fundamental" a "irrelevante" para Punta Langosteira segundo a Xunta

Pemex pasa de “fundamental” a “irrelevante” para Punta Langosteira segundo a Xunta

O deputado socialista Juan Díaz Villoslada criticou hoxe que a Xunta teña convertido os investimentos de Pemex en Punta Langosteira de un factor fundamental para o seu despegue a “irrelevantes” para o Plan de Viabilidade. O responsable socialista presentou unha pregunta oral en Comisión parlamentaria sobre a renuncia da petroleira mexicana aos usos e investimentos na infraestrutura coruñesa.

O deputado socialista chamou a atención o aparente desinterese co que o goberno galego acolleu a noticia da retirada destes investimentos que “orixinalmente prevían que suporía un incremento do 15 por cento nas tarifas portuarias e un 20 por cento do total do tráfico”, algo cando menos, puntualizou, “difícil de cuadrar”.

Díaz Villoslada engadiu que “xa que a retirada de Pemex terá nulo impacto na viabilidade de Langosteira”, reclamoulle ao goberno galego “que axilicen o máis posible o enlace ferroviario”, que considera “fundamental” para o Porto Exterior.

Ademais, trasladou a súa “preocupación” diante do feito de que os déficits ocasionados polas instalacións que non se realicen finalmente “sexan substituído a través de operacións urbanísticas, como sucede coa solana, que está a facer a Autoridade Portuaria facendo caso omiso dos intereses da cidade”.

Chuvia de contratos

Sinalou tamén o “triunfalismo esaxerado de Feijóo cando anunciou, con desconexión en directo na televisión pública incluída, a chegada da empresa mexicana”, que “pasou de ofrecer, segundo o goberno galego, unha chuvia de 20 contratos entre os estaleiros de Vigo e Ferrol a quedarse en nada”.

O investimento da empresa en Punta Langosteira, dixo, incluía unha superficie de 30.000 metros cadrados e un investimento de 58 millóns de euros para a construción dunha base de graneis líquidos e un pantalán que “fóronse co vento”. O mesmo sucedeu co exército de buques que ían construír en Galicia e que finalmente limitáronse a dous floteis construídos en Vigo e Ferrol.

Díaz Villoslada lembrou que a renuncia aos investimentos e contratos da empresa mexicana que o goberno galego, co seu presidente á cabeza, daba por xa realizados, “non impediu que puideran comprar o 51 por cento do estaleiro Barreras en Vigo a prezo de saldo”.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar