Pediremos informes sobre a xestión nos colapsos de Urxencias e un plan progresivo de aumento de persoal

Pediremos informes sobre a xestión nos colapsos de Urxencias e un plan progresivo de aumento de persoal

Pediremos informes sobre a xestión nos colapsos de Urxencias e un plan progresivo de aumento de persoal

O portavoz de Sanidade do grupo socialista, Julio Torrado, vén de rexistrar unha batería de iniciativas no Parlamento para que a Xunta responda canto antes ante a mala xestión en varios dos principais hospitais de Galicia, que están a rexistrar continuos colapsos nos servizos de Urxencias nas últimas datas. Torrado advirte de que estes episodios de saturación en Urxencias son só “a punta do iceberg” dos problemas no sistema sanitario, no que existe “unha grave falta de previsión” en datas nas que é habitual que se produzan picos de actividade, unido a un problema estrutural de “falta de profesionais, falta de medios e dotación de recursos”.

Os socialistas solicitarán asimesmo que o goberno galego lles esixa ás xerencias dos complexos sanitarios un informe dos episodios de saturación vividos en cada centro, que inclúa a previsión realizada, a dotación de recursos existente e o reforzo aportado, así como unha avalización do desenvolvemento da labor nos momentos de maior afluencia de pacientes. Este informe sería remitido aos grupos políticos e a Xunta de Persoal correspondente.

Por outra banda, Torrado considera esencial “elevar a dotación material e humana” destes servizos, polo que lle reclama á Xunta que negocie cos colectivos profesionais e sindicais de cada centro un plan de aumento de persoal progresivo para os dous próximos anos. O socialista lembra que a non reposición de baixas, a falta de especialistas para sacar adiante casos de pacientes ingresados ou en espera dunha intervención, a falta de substitucións en atención primaria ou a permanencia de camas pechadas son algúns dos problemas que levan á saturación de Urxencias. “Non é aceptable que os profesionais estean a soportar toda a carga da carencia de medios suplíndoa só co seu sobresforzo ante a parálise de xestión da Xunta”, afirma.

Mercedes Cernadas

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar