Pedimos a revisión do acordo bilateral de pesca entre España e Portugal

Pedimos a revisión do acordo bilateral de pesca entre España e Portugal

Pedimos a revisión do acordo bilateral de pesca entre España e Portugal

A portavoz de Pesca do grupo socialista, Loli Toja, preguntoulle á Xunta en comisión parlamentaria sobre o estado das negociacións para a revisión do Acordo Bilateral de pesca entre España e Portugal, que vence en decembro e rixe as condicións de exercicio da actividade nas augas de ambos países e que “tal e como está, supón unha importante desvantaxe competitiva para a flota española”, advertiu. “Non deixen que pase o tempo e póñanse a traballar xa co sector, para que cando chegue a data non haxa que lamentar un ano máis a renovación dun acordo que prexudica enormemente á nosa flota”, pediu.

 

Toja denunciou que a pesar do que asegura o goberno galego, o seu diálogo coa Secretaría General de Pesca do goberno de España “non existe ou non funciona” en ningún aspecto, e puxo como exemplo claro a situación da cota da raia. As confrarías galegas pediran o peche da pesqueiría cando o consumo da cota chegase ao 70%, para deixar o 30% restante para o final de ano, e veñen de enterarse a través doutros medios de que a cota xa superou o 80% sen que ninguén os avisase.

 

A socialista apuntou que a actual desigualdade de condicións entre a flota galega e a portuguesa fai que en portos como o de Muros case o 80% dos barcos xa teñan bandeira portuguesa, ou que en Marín merquen barcos en Portugal para operar en augas españolas. Entre outras diferenzas, os barcos portugueses poden faenar as fins de semana mentres os galegos están amarrados, e o luns descargan nas lonxas, producindo “unha importante desvantaxe competitiva”, polo que reclaman que todos os barcos teñan o descanso da fin de semana, “un logro que acadou o sector e que mellora de xeito considerable as condicións de vida dos traballadores do mar”.

 

A socialista pediu “reciprocidade pura” no próximo convenio bilateral de pesca España e Portugal: descanso semanal para o arrastre, mesmos períodos de veda e mesmas medidas técnicas. “Por exemplo, se Galicia non pode usar o tren de bolos que tampouco o use a flota portuguesa”, así “evitariamos que ter bandeira doutro país sexa unha ventaxe competitiva e que se busque acubillo fóra”, dixo.

 

Toja reclamou reunións da Xunta co sector para establecer medidas de control “para que non volvan facer o que fixeron en 2014”, cando firmaron un acordo en decembro no que se igualaban as condicións e logo en marzo o señor Arias Cañete o modificou “pola porta de atrás”, despois dun acordo conxunto tamén no Parlamento galego que non serviu de nada. Tamén pediu coñecer os avances das últimas xuntanzas do Comité Luso Español de Pesquerías (COLEP) e que a Xunta lle traslade ao Goberno de España “de maneira contundente” as propostas realizadas polo sector en Galicia.

Mercedes Cernadas

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar