Pedimos a comparecencia do ministro polo AVE e esiximos marcha atrás nas subas das peaxes da AP9

Pedimos a comparecencia do ministro polo AVE e esiximos marcha atrás nas subas das peaxes da AP9

Os socialistas galegos trasladaron hoxe as próximas iniciativas que levarán a cabo no Parlamento autonómico e no Congreso sobre as infraestruturas de Galicia. Veñen de solicitar a comparecencia do ministro de Fomento no Congreso para que explique os plan para o AVE e solicitan que a Xunta esixa que o Goberno “dea para atrás ás subas de peaxe” que foron autorizadas para a AP-9.

Tras unha reunión dos deputados e deputadas no Parlamento de Galicia, no Congreso e no Senado, Pilar Cancela e Xoaquín Fernández Leiceaga trasladaron a “preocupación evidente” polo trato que está a recibir Galicia por parte do Goberno central. “A maioría absoluta de Feijóo, lonxe de favorecer a fortaleza de Galicia parace que está a ser un lastre, non sei se por cuestións de xogos internos do PP, pero é un prexuízo importante para o noso país”, afirmou Cancela. “Feijóo debe asumir que el só non é quen de defender os intereses deste país e ten a obriga de entrar nun proceso de negociación”, dixo.

Pola súa banda, Leiceaga fixo referencia a que onte mesmo o Parlamento galego coñecía oficialmente que a Mesa do Congreso toma conta do veto do Goberno á iniciativa parlamentaria unánime da transferencia da AP9. “Temos que facer unha reflexión relevante e conxunta de aquí a final de ano de todos os grupos políticos que votamos a favor, e retomar o trámite de xeito que non poida ser vetado polo Goberno”, dixo, e chamou a “non intentar ter unha posición de beneficio de cada grupo, senón compartilo entre todos de maneira solvente e eficaz”.

Asimesmo, con respecto á comisión de coordinación da AP9 reunida hoxe, advertiu de que “o goberno central ten a sartén polo mango” e pediulle a Feijóo que esixan que “dean para atrás ás subas de peaxes que o goberno autorizou neste tempo”, como a suba do 7% decretada no 2012 e as relacionadas co IVE. Tamén as subas acumulativas acordadas pola exministra Ana Pastor do 1% anual que entrarían en vigor en 2018 se as obras rematan no 2017, e que ao cabo de 20 anos suporían unha suba do entorno do 23%. Estas subas foron acordadas para financiar as obras de ampliación da autopista, e os socialistas reclaman “que o Ministerio asuma o custo destas obras” sobre 400 millóns de euros, como fai noutras comunidades, para “evitar trasladarlle aos cidadáns o custo e que se vaia convertindo progresivamente nun importe abusivo”.

Con respecto ao AVE, os socialistas esixirán “adiantar todo o posible as obras” cunha interpelación no Parlamento de Galicia, mediante solucións como a contratación conxunta do proxecto de obra para reducir prazos, en tramos como o de Taboadela-Ourense. “Queremos o AVE canto antes pero tamén íntegro para Galicia, con características de AVE en todo o trazado, incluído Ourense-Zamora”, advirten.

“Non queremos que se siga falando de adiar nin queremos un trato dunha comunidade de segunda, por iso solicitamos a comparecencia do ministro de Fomento para que explique cales son os plans do Goberno para a alta velocidade de Galicia e as súas condicións; queremos saber se terá dobre vía e cales serán as datas”, explicou Pilar Cancela, que engadiu que os socialistas presentarán emendas aos Orzamentos do Estado para “recuperar o investimento para Galicia que tiña o goberno socialista”, 600 millóns de euros anuais máis que o goberno do PP, e “manter a Galicia no sitio que consideramos que lle corresponde”.

Mercedes Cernadas

Deixar a resposta

Pechar