![]() |
|
Barcón lamenta que o Goberno de Feijóo levante a moratoria dos 500 metros antes da aprobación definitiva do POL e primando intereses particulares Advirte que as decisións tomadas sen ter en conta os criterios ambientais desembocan en “fiascos” como o da urbanización de Fadesa, en Miño, cuxa adxudicación e expropiacións veñen de ser anuladas polo Supremo 29/07/10 |
||
Santiago de Compostela, 29 de xullo de 2010.- A portavoz de Territorio do Grupo Parlamentario Socialista, Mar Barcón, lamentou hoxe a decisión do Goberno galego de levantar a prohibición de construír a menos de 500 metros da costa sen aprobar definitivamente o Plan de Ordenación do Litoral (POL) e sen incorporar todas as suxestións feitas polos concellos. Barcón lembrou que os socialistas galegos “quixemos participar na mellora do documento inicial do POL, e froito deste compromiso creouse a Comisión de Seguimento Parlamentaria, na que se aportaron ideas, suxestións e reflexións de expertos reclamando maior coordenación na aprobación das Directrices de Ordenación do Territorio e as políticas de protección e posta en valor do litoral”. Sinalou que o PSdeG reclamou “unha e outra vez” nesta Comisión que non se levantase a moratoria de construcción a menos de 500 metros da costa mentres o POL non estivese aprobado definitivamente e sen que todas as administracións contasen cun documento de consenso que permitise afrontar as decisión futuras da mellor maneira, sen que o Goberno do PP atendese a esta petición. Barcón lembroulle ao Goberno de Feijóo que “tomar decisións de maneira pouco rigorosa e atendendo a intereses particulares máis que a interese xeral non son o mellor camiño nin para a protección da costa nin para convertela nun valor de futuro”. A este respecto advertiu que “as decisións tomadas sen ter en conta criterios de sostibilidade e protección ambiental desembocan en fiascos como o da urbanización de Fadesa, no concello de Miño, cuxa adxudicación e expropiacións veñen de ser anuladas polo Tribunal Supremo”. Por elo criticou que o PP insista en levar a cabo un urbanismo “especulador e voraz”, que, como no caso da urbanización de Miño, “vulnera os dereitos dos veciños para poñelos ao servizo duns poucos”. |
|||