Psdeg-Psoe
Contactar

 
Barcón critica a utilización de diñeiro público para propaganda partidista do PP
Cuestiona que o alcalde de O Pino publicite o pregón do secretario provincial do PP e transforme a festa de exaltación do galo na "exaltación de Negreira"
29/07/10
 
 

Santiago de Compostela, 29 de xullo de 2010.- O PSdeG criticou hoxe a utilización do diñeiro público para propaganda partidista do PP no concello coruñés do Pino, despois de coñecer que o secretario provincial deste partido, Carlos Negreira, será o pregoeiro o domingo da Festa do Galo e a Mostra Cabalar que se celebran neste municipio.


A portavoz do PSdeG, Mar Barcón, sinalou que a intervención de Carlos Negreira como pregoeiro, en calidade de secretario provincial do PP da Coruña, “é unha nova mostra dunha practica habitual do PP, que consiste en utilizar o diñeiro dos veciños e veciñas e aproveitar  as institucións para beneficiar aos intereses do partido e facer campaña”.


Barcón censurou que o alcalde do Pino “utilice cartos públicos para anunciar, a través da publicidade das festas, a intervención de Carlos Negreira no pregón” e criticou que “converta deste xeito unha festa de exaltación  de galos e cabalos nunha cerimonia de exaltación de Negreira, tal vez esperando así asegurarse un posto nas listas municipais do vindeiro ano”.


A portavoz do PSdeG denunciou que “unha vez máis o PP de Feijóo e Negreira utilice as institucións para facer política de partido, e que esqueza a tan ‘cacareada’ austeridade e non lle importe gastar os euros dos veciños e veciñas do concello do Pino para maior gloria do señor Negreira”.


“Novamente podemos comprobar que a anunciada “rexeneración democrática” de Feijóo non era máis que iso, un anuncio, e que non parece moi disposto a aplicala ao seu propio partido”, lamentou Barcón.


 

 

PSdeG-PSOE
E-mail: ceng@psdeg-psoe.org