Santiago de Compostela, 28 de xullo de 2010.- A portavoz de Cultura e Universidade do Grupo Parlamentario Socialista, Concepción Burgo, lamentou hoxe que as denunciadas feitas polo Grupo Socialista, este mesmo luns día 26, respecto aos recortes no financiamento das Universidades Galegas “cumpríronse todas”. A deputada fixo esta afirmación logo de coñecer as liñas básicas do texto presentado, hoxe, pola Consellería de Educación no Consello Galego de Universidades.
Advirte que o Goberno de Feijoo elaborou este documento de xeito “improvisado” e cun “caótico procedemento”. E lembrou que “tan só se celebraron dúas reunións coas universidades e os membros do Consello Galego de Universidades”, para tratar este asunto. Ademais di que a Xunta “impulsou un recorte nos orzamentos dando un paso máis no desmantelamento dos servizos públicos”.
Replica que esta decisión significa “un novo desmantelamento dun servizo público” e que supon “perder as nosas posibilidades de competir coas economías máis desenvolvidas”.
“A ineptitude do goberno da Xunta non pode hipotecar o futuro do noso país”, sentenciou Burgo. Á vez que lembrou que a Universidade “é un piar básico para o desenvolvemento económico, social e tecnolóxico de Galicia”, polo que avogou por converter ás universidades “nunha aposta estratéxica, e máis nun momento de crise”.
Por último reclamoulle a Feijoo que “acade un consenso pleno entre as universidades” para aprobar este Plan de Financiamento”. Argumenta que debe incluír como mínimo a mellora do financiamento por alumno con criterios de equidade, a dotación dos recursos necesarios para o desenvolvemento dos plans de estudos adaptados o Espazo Europeo de Educación Superior, cubrir os custes da transición a nova organización das ensinanzas de grado e postgrado, e a financiación de todos os custos estructurais da actividade investigadora das Universidades.