![]() |
|
O PSdeG rexistra a petición para que a Xunta solicite a disolución do concello de Gondomar ante "a inestabilidade política e xudicial" Mar Barcón reclama a Feijóo “que cumpra o compromiso de ética e legalidade” e ampare os dereitos e o interese xeral dos veciños e veciñas de Gondomar 28/07/10 |
||
Santiago de Compostela, 28 de xullo de 2010.- O PSdeG rexistrou hoxe a petición formal para que o Goberno galego, a través da Consellería de Presidencia, solicite o inicio do procedemento de disolución do concello de Gondomar (Pontevedra) ante a situación de “inestabilidade institucional, xurídica e política” existente. A secretaria de Política Municipal e portavoz do PSdeG, Mar Barcón, anunciou en rolda de prensa a presentación desta solicitude “que ten por obxecto a defensa dos intereses xerais e dos dereitos dos veciños e veciñas de Gondomar”, sinalou. Barcón lembrou que esta petición “está fundamentada en feitos, non en suposicións ou xuízos de valor” e insistiu en que “non se circunscribe estrictamente á moción de censura, recoñecida como caso de transfuguismo pola Comisión do Pacto Antitransfuguismo, senón aos feitos que se coñeceron nos xuízos do Xulgado do Penal de Vigo e na Audiencia Provincial de Pontevedra, nos que se viron envoltos concelleiros da anterior lexislatura e da actual, que formaban parte do goberno resultante desta moción de censura”. Lembrou que nestes xuízos púxose de manifesto, a través das investigacións policiais, escoitas telefónicas e dun vídeo, a relación entre as irregularidades urbanísticas investigadas e as campañas electorais de distintas forzas políticas do municipio, así como o financiamento irregular dos “escindidos” –concelleiros declarados tránsfugas e expulsados do PSdeG, que hoxe integran Move Gondomar- para contar co seu apoio para promover a moción de censura e conseguir así o goberno municipal. Ademais desta “lamentable” ilegalidade política, Barcon engadiu que dous dos concelleiros do actual Goberno municipal, resultante da moción de censura, Carlos Silva e Ángel Grégores, foron inhabilitados por falsidade documental e prevaricación. “Isto provocou unha situación de inestabilidade política, polo caso de transfuguismo recoñecido pola Comisión; e xurídica, porque hai demasiados casos que alcanzan a responsables municipais da anterior lexislatura e do actual Goberno municipal, que están a crear alarma social en Gondomar, e que respaldan a nosa petición”, apuntou a socialista. Barcón explicou que esta solicitude está fundada no artigo 61 da Lei 7/1985 reguladora das bases de réxime local, que vela porque os gobernos municipais sexan quen de xestionar o interese xeral e contempla a posibilidade da súa disolución no suposto de xestión “gravemente danosa para os intereses xerais”. A portavoz socialista apuntou que no Concello de Gondomar, tras os feitos relatados, “danse todas as circunstancias para que se interveña e disolva ese goberno” polo que instou ao conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda, a solicitar o inicio do procedemento de disolución dos órganos da corporación municipal ata as vindeiras eleccións municipais. “Facémolo porque é o mellor para defender os dereitos dos cidadáns de Gondomar, que están a ver como os mesmos que hoxe están tomando decisións sobre cartos públicos, concesións de licencias e obras públicas, estiveron misturados en procesos xudiciais por irregularidades documentais e urbanísticas”, sinalou. A este respecto lembrou a Feijóo o seu compromiso ético, e a afirmación que fixo no seu discurso de investidura de que o seu Goberno iría “máis alá da legalidade”. “Nós non lle pedimos que vaia máis alá, só lle solicitamos que ampare a legalidade e que ampare os dereitos dos veciños e veciñas de Gondomar”, concluíu. |
|||