Santiago de Compostela, 27 de xullo de 2010,- A portavoz de Vivenda do Grupo Parlamentario Socialista, Carmen Cajide, sinalou hoxe que coa chegada de Feijóo á Xunta “a política de vivenda está desaparecida” e lembrou ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraesturas, Agustín Hernández, que o Goberno galego “é o único que está a poñer dificultades para a rehabilitación”.
Como mostra disto sinalou que “a semana pasada o Goberno galego reduciu fondos para habitabilidade” e incidiu ademais nos numerosos recortes realizados dende a chegada do PP á Xunta. Así, apuntou que dende que Feijóo preside o Goberno galego “non se construíu vivenda publica nin se axilizou a tramitación de polígonos que estaban en marcha, pola contra se reduciron fondos dirixidos a rehabilitación tanto en cascos históricos como no rural, ademais da reducción de investimentos postos en marcha polo anterior Goberno autonómico”.
Nesta liña, a deputada socialista criticou que o Goberno do PP “dedicouse a desmantelar todos os servizos da Consellería de Vivenda do anterior Executivo” co obxecto de “obrigar aos concellos a facerse cargo deles”. Así, apuntou que “Agustín Hernández fixo a reestructuración das oficinas de Vivenda a costa dos orzamentos municipais, incrementando as cargas dos concellos e evitando asumir xestións e responsabilidades que eran da súa competencia”.
Cajide lamentou que a rehabilitación de vivendas, que podería ser “esencial” para a recuperación do sector da construcción, “non conta co apoio do Goberno de Feijóo, que eliminou unha parte importante dos programas de rehabilitación postos en marcha polo goberno anterior, diminuíu drasticamente os fondos chegando a paralizar mesmo as partidas que o goberno de España xa ingresara, e está a intentar converter en residual a aposta pola rehabilitación”.
Fronte a isto, lembrou que o goberno de España, seguindo a liña que veu mantendo nos últimos plans de vivenda, quixo converter a rehabilitación nun dos eixes da economía sostible e nun dos sectores que poden xerar emprego e dinamismo económico ás empresas do sector da construción. Así, sinalou que medidas como redución do ive para as obras de rehabilitación, a extensión de áreas de rehabilitación integrais, e o desenvolvemento ou inclusión de programas específicos dirixidos a rehabilitación no rural son boa mostra de que para o goberno de España a rehabilitación non é un ámbito máis senón que, xunto co aluguer, se converterá nos dous eixes principais de apoio á vivenda.
Cajide apuntou que rehabilitar vivendas nas nosas cidades ou no ámbito rural “supón ao tempo un exercicio de sostibilidade reducindo o consumo do chan, permite manter á poboación, especialmente ás persoas maiores, no seu ámbito habitual e mellorar notablemente as condicións de habitabilidade, modernización, salubridade e accesibilidade destas”.
Por todo elo, anunciou que os socialistas galegos realizarán a próxima semana unha reunión con responsables municipais do ámbito da rehabilitación para avaliar “o impacto negativo que están a ter as medidas adoptadas polo Goberno de Feijóo ata a data” e formular alternativas que están a funcionar noutras comunidades e que suporían continuar co compromiso coa rehabilitación e acceso a vivenda do anterior goberno socialista.