Santiago de Compostela, 27 de xullo de 2010.- O PSdeG esixiu hoxe a Feijóo criterios obxectivos no reparto dos fondos dos programas de emprego e denunciou a utilización destes fondos para “pagar favores” en concellos como Gondomar, Porriño ou Silleda, nos que se promoveron mocións de censura apoiadas en tránsfugas. A denuncia foi feita polo secretario de Emprego do PSdeG, David Regades, na rolda de prensa posterior a unha reunión do Grupo de Traballo dos socialistas galegos, na que participaron tamén o portavoz de Traballo do Grupo Parlamentario Socialista, José Tomé Roca, os secretarios de Emprego das catro Executivas Provinciais, e concelleiros desta área nas principais cidades.
Regades lembroulle a Feijóo o seu “contrato con Galicia” mediante o cal se comprometeu a resolver o problema do emprego, e lamentou que “un ano e medio despois vemos que os únicos problemas que resolveu son os dos amigos de Baltar e Louzán” e que “os programas de emprego e concursos públicos son seguramente os máis escuros e menos transparentes de toda España”.
Así, denunciou que, a pesar de que os programas europeos xestionados a través da Xunta incrementáronse nos dous últimos anos; en cidades como A Coruña, Ourense, Vigo, Lugo, Ferrol ou Santiago os investimentos se viron reducidos nun 70%. Como exemplo, destacou o caso do concello de Ourense, onde nos últimos tres anos a Xunta reduciu os fondos para o emprego nun 67,32 por cento.
Fronte a isto, destacou o “asombroso incremento” destes fondos en concellos como os de Gondomar ou Silleda, “curiosamente, concellos nos que o PP promoveu mocións de censura apoiadas en tránsfugas.
Así, Regades apuntou que mentres un parado en Gondomar, Porriño ou Silleda percibe 400 euros dos plans de desenvolvemento do emprego, un de Ourense, Vigo ou A Coruña ten 47 euros, o que reflicte “unha política partidista feita para pagar os favores que se fixeron nas mocións de censura”.
Regades esixiu a Feijóo a posta en marcha de medidas e plans concretos e que “non use os fondos europeos e do Goberno central para facer clientelismo e moito menos para comprar vontades políticas para apoiar mocións de censura”.
“Pedímoslle que non consinta a Louzán e Baltar que as deputacións de Pontevedra e Ourense gasten os seus recursos sen planificación e que fagan menos política de romería e máis plans de emprego específicos”. Nesta liña reclamou a Feijóo “que explique os seus plans para saír da crise” e lembroulle que as políticas activas de emprego son competencia das comunidades autónomas, polo que lle demandou “a elaboración dun plan global no ámbito económico e social, colaborando co Goberno central, tal e como están a facer outras comunidades autónomas”.
Reparto escandaloso dos Fondos de Cooperación
Pola súa parte, Tomé Roca denunciou o reparto “escandaloso e partidista” dos fondos de cooperación aos concellos, que o PP utiliza “como un adianto da precampaña pagada con fondos públicos, para manter as deputacións que ten e recuperar as que perdeu” mediante a “manipulación dos pequenos concellos”.
Tomé Roca esixiu ao Goberno do PP “unha distribución equilibrada dos fondos de cooperación, tendo en conta o número de desempregados e o tecido productivo de cada concello, en lugar dun reparto caciquil”. Esixiulle ademais “respecto aos alcaldes” porque “sexan da cor política que sexan, foron elexidos polos cidadáns”. Salientou que “teñen os mesmos dereitos os cidadáns de Ribadeo que os de Vigo ou os de Verín, sen embargo vemos que este último concello, curiosamente gobernado polo que foi o candidato de Baltar ao congreso provincial do PP de Ourense, é un dos grandes beneficiados”.
Denunciou ademais a “ilegalidade do reparto dos orzamentos de cooperación” xa que tras publicar a orde destes presupostos o 1 de marzo, cos criterios para o reparto de fondos, enviaron unha circular cunha interpretación de ditos criterios para que as valoracións fosen “as axeitadas ao que pretende o PP”. Tomé Roca referiuse tamén a programas sectoriais para a contratación, como o posto en marcha polo anterior goberno para o sector da pizarra, en base a criterios obxectivos e independentemente do concello no que viviran, mentres que o Goberno do PP “retirou este plan, e puxo en marcha un para o textil, no que a inmensa maioría se adxudicou ao concello de Lalín, gobernado polo PP”.
Demandou por elo ao Goberno de Feijóo “que retome o Diálogo Social” e que demostre “que o Goberno galego é útil para algo”, para o que pediu “que traballen e que executen os orzamentos”, lembrando que o pasado ano a Consellería de Traballo deixou 120 millóns de euros sen gastar en políticas de emprego e a Consellería de Industria só executou o 66 por cento do orzamento e no capítulo de transferencia de capital a empresas deixou uns 78 millóns de euros sen gastar, e por tanto sen que se puideran beneficiar o sector industrial e empresarial de Galicia.