Psdeg-Psoe
Contactar

 
Burgo denuncia a "improvisación e o caos" da Xunta na elaboración do Plan de Financiamento das Universidades
Advirte que a Xunta busca impoñer recortes orzamentariso ás universidades e alerta que isto suporía “un novo paso no desmantelamento dos servizos públicos” e “perder posibilidades para competir coas economías máis desenvolvidas”
27/07/10
 
 

Santiago de Compostela, 26 de xullo de  2010.- A portavoz de Cultura e Universidad do Grupo Parlamentario Socialista, Concepción Burgo, denunciou hoxe a “improvisación” e o “caótico procedemento”  da Consellería de Educación na elaboración do Plan de Financiamento das Universidades, e advertiu da posibilidade de que a Xunta “pretenda impoñer un recorte nos orzamentos das universidades” dando así “un paso máis no desmantelamento dos servizos públicos”.


Burgo lembrou que a proposta dun novo Plan de Financiamento das Universidades,  presentada polos socialistas galegos e aprobada por unanimidade no Parlamento, ten por obxecto arranxar as carencias do plan anterior e dar estabilidade financieira ao sistema universitario galego. Sinalou que este plan,  que ten que ser consensuado coas tres universidades, “debería estar rematado na primavera para estar operativo no próximo curso,  mentres que a día de hoxe aínda non hai absolutamente nada, e as universidades non saben con qué fondos disporán no novo curso”.


Burgo denunciou que o procedemento que está a seguir a Consellería de Educación “é absolutamente caótico” e lembrou que “tan só se celebraron dúas reunións coas universidades e os membros do Consello Galego de Universidades”.


A deputada tamén criticou  a falla de transparencia da Consellería de Educación “ao negarse a ofrecer datos sobre  a cuantía global de financiamento do plan, nin do orzamento que se está a manexar para o próximo ano”, así como a ausencia de criterios e indicadores obxectivos para a distribución dos fondos “xa que non hai unha diagnose dos problemas, carencias e fortalezas das universidades galegas”.


Así mesmo, Burgo denunciou que o Goberno galego “xa renunciou ao obxectivo de chegar o 1% do PIB para o financiamento das Universidades no 2015”, e advertiu que “de non cumprilo, as nosas universidades perderán competitividade e calidade nos vindeiros anos”. “Para os socialistas este obxectivo de acadar o 1% en 2015 é irrenunciable”, aseverou.


“Tememos que as Universidades se enfronten o ano que ven a unha nova redución de fondos despois do descenso dos seus ingresos nun 6% no ano 2010, e queremos denunciar que un descenso no ano 2011 suporía a imposibilidade de funcionamento das universidades galegas”, sinalou.


A socialista expresou así  as súas dúbidas sobre a vontade real da Consellería de Educación para aprobar o novo Plan de Financiamento, así como da capacidade do conselleiro para xestionalo.


Reducción de orzamentos

Así mesmo, advertiu que a Xunta “busca impoñer un descenso dos orzamentos para as universidades” e alertou de que isto significaría “un novo desmantelamento dun servizo público” e que suporía ademais “perder as nosas posibilidades de competir coas economías máis desenvolvidas”.


“A ineptitude do goberno da Xunta non pode hipotecar o futuro do noso país”, subliñou Burgo, á vez que lembrou que a Universidade “é un piar básico para o desenvolvemento económico, social e tecnolóxico de Galicia”, polo que avogou por converter ás universidades “nunha aposta estratéxica, e máis nun momento de crise” e instou a Feijóo a “que deixe claro se pensa afrontala”.


Burgo esixiu ao Goberno galego “que acade un consenso pleno entre as universidades” para aprobar o novo Plan de Financiamento, que debe incluír como mínimo a mellora do financiamento por alumno con criterios de equidade,

a dotación dos recursos necesarios para o desenvolvemento dos plans de estudos adaptados o Espazo Europeo de Educación Superior, cubrir os custes da transición a nova organización das ensinanzas de grado e postgrado, e a financiación de todos os custos estruturais da actividade investigadora das Universidades.


 

 

PSdeG-PSOE
E-mail: ceng@psdeg-psoe.org