Psdeg-Psoe
Contactar

 
Os socialistas reclaman impulsar o litoral a través dun sendeiro dende Ribadeo ata A Guarda
Leiceaga advirte que o litoral hai que ordenalo con criterios que permitan preservalo para legalo para futuro, e ao mesmo tempo que sexa protagonista dun uso turístico e medio ambiental racional e compatible
27/07/10
 
 

Cabo Vilan (Camariñas),  26 de xullo de 09. O portavoz do Grupo Parlamentario Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga acompañado dos deputados socialistas mantiveron hoxe unha xuntanza de traballo na Costa da Morte (Camariñas). Pola maña percorreron andando dende a praza do Concello de Camariñas, unha ruta de 5 quilómetros, ata Cabo Vilán co fin de chamar a atención sobre “o noso litoral”.


O portavoz do Grupo Parlamentario Socialista Xoaquín Fernández Leiceaga lembrou o traballo desenrolado polo anterior executivo autonómico neste senso. Citou a lei de protección de 500 metros que protexía da construcción ese espacio de costa. Tamén subliñou que un dos eixes de traballo do Grupo Parlamentario Socialista nesta lexislatura pasa por “defender os valores do litoral”, como por exemplo “a proposta de non levantar eses 500 metros ata que estivera listo o POL, e a protección de Cabo Touriñán e os demais espazos protexidos pola Rede Natura.”


Leiceaga argumentou o posicionamento contario do Grupo Socialista á Lei do Solo “fundamentalmente porque creemos que no noso litoral hai que facer compatible un uso productivo e industrial, pero de xeito ordenado e compatible co mantemento dos valores medio ambientais e naturais”. Por eso advirte que hai que ordenalo con criterios que permitan preservalo para legalo para futuro e ao mesmo tempo que sexa protagonista dun uso turístico e medio ambiental racional e compatible.


Con estes argumentos o portavoz socialista anunciou que rexistrou unha iniciativa na Cámara Autonómica na que reclama “esta compatibilidade do noso litoral e da nosa Costa”.


Na proposición rexistrada polo Grupo Socialista reclaman :


-Promover e impulsar a creación dun sendeiro que circunvale o conxunto do litoral de Galicia, (Ribadeo ata a Guarda) en colaboración co tecido asociativo e as restantes Administracións, dotándoo dun Plan de delimitación, sinalización, arranxo ou construcción, alí onde sexa necesario. Os traballos preparatorios deben comezar antes que remate o ano 2010.  E debe contemplarse unha partida orzamentaria específica nos orzamentos do ano 2011. Establecerase, ademais, unha liña de financiamento específica con cargo aos fondos europeos.


-Facer as xestións oportunas para que poida ser recoñecido como un sendeiro de Gran Percorrido.


-Establecer unha colaboración coa Administración Xeral do Estado para a utilización dos faros que deixaron ou deixen de ter utilidade como tales, como puntos de apoio a este gran sendeiro, en tanto que instalacións de aloxamento, atención ou información.   Sería conveniente, ademais, que esta rede de apoio tivese unha xestión unificada.


Por último Fernández Leiceaga agradeceu a presencia do Secretario do PSOE na Coruña, Salvador Fernández Moreda, presente no acto, en Cabo Vilán e loubou o traballo que desenrola a Deputación coruñesa a prol da preservación dos faros da provincia.


Pola súa banda Salvador Fernández Moreda agradeceu a visita do Grupo Parlamentario á Costa da Morte. Dixo que o traballo dos parlamentarios autonómicos “é vital “ para que se escoite no Parlamento a voz de moitos concellos de Galicia. “Hoxe estou aquí en Camariñas- explicou- para apoiar esta iniciativa que é fundamental para impulsar o turismo en Galicia”.


Pola súa parte a deputada da Comarca Marisol Soneira dixo que a política de Núñez Feijoo “é regresiva para á Costa da morte”, e resumiu “o PP abandonou a nosa Comarca fai moito tempo”, concluíu.


Xa pola tarde o Grupo Parlamentario Socialista mantivo unha comida de traballo con cargos socialistas da Comarca, como alcaldes e voceiros municipais da Costa da Morte.

 

 

PSdeG-PSOE
E-mail: ceng@psdeg-psoe.org