Psdeg-Psoe
Contactar

 
O PSdeG de Ourense critica o "tixeretazo" da Xunta coa reducción dun 72% nas axudas de rehabilitación dos cascos históricos
Os socialistas instan aos concellos a presentar alegacións contra unha medida “inxusta, irresponsable e irracional” que “tira pola borda 20 anos de traballo municipal a prol da rehabilitación dos cascos históricos”
23/07/10
 
 

Ourense, 23 de xullo de 2010.- O secretario provincial do PSdeG en Ourense, Raúl Fernández, e o secretario de Patrimonio e alcalde de Ribadavia, Marcos Blanco  denunciaron hoxe en rolda de prensa o “tixeretazo” da Xunta ás axudas de rehabilitación dos cascos históricos, que suporá “condenar” o futuro crecemento e desenvolvemento dos concellos do rural, e esixiron ao Goberno galego que manteña as axudas existentes, que se verán reducidas nun 72 por cento coa nova resolución da Xunta.
 

Así, o responsable de Patrimonio do PSdeG ourensán incidiu no “drástico” e “sangrante” recorte que aplica a Xunta nas subvencións de obras de rehabilitación, que pasa dos 24.000 euros subvencionables aos 6.600. Do mesmo xeito, nas obras de renovación as axudas pasan dos 30.000 euros do ano 2009 aos 8.800 deste ano, o que supón a redución dun 72 por cento das subvencións a fondo perdido para os particulares.
 

Blanco sinalou que esta diminución nas axudas afecta tamén aos particulares que contan cun expediente de obra aprobado e que xa teñen realizadas as obras, “que verán reducidas as súas expectativas económicas en preto de 20.000 euros, cando moitos deles adiantaron cantidades económicas por medio de créditos bancarios, contando con que recuperarían parte do investido”.
 

Blanco e Fernández lamentaron  que este “tixeretazo” abocará aos concellos do rural “a un parón nos procesos de rehabilitación e “condenará o seu desenvolvemento e crecemento”. Á súa vez, criticaron que esta decisión se adoptase de xeito unilateral pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestuturas e o Instituto Galego de Vivenda e Solo, sen consensuala previamente cos concellos afectados.
 

“En época de crise, a Xunta rompe a baralla, desmarcándose das políticas activas de rehabilitación de cascos históricos e deixando así no esquecemento tanto aos particulares como aos empresarios e autónomos dos pequenos concellos, que tiñan nestas obras unha oportunidade de traballo”, sinalaron os socialistas ourensáns.


 “Mentres, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas habilita partidas para publicidade institucional que duplican e case triplican o gasto que fai este mesmo departamento en axudas á rehabilitación de cascos históricos”, criticou.
 

Os socialistas sinalaron que este recorte evidencia “o escaso interese do Goberno de Feijóo na recuperación dos concellos do rural e na rehabilitación do seu patrimonio” e criticaron que Feijóo “non só non está a cumprir os seus compromisos nesta materia, senón que está a dilapidar os cimentos do que ten que ser a aposta pola nosa identidade”.
 

Blanco e Fernández acusaron ao Goberno de Feijóo de “traizoar aos cidadáns, deixando no caixón do esquecemento as políticas de rehabilitación de cascos históricos das que se estaban a beneficiar os grandes concellos, pero tamén as vilas máis pequenas, e no caso concreto da provincia de Ourense, ás de Celanova, Verín, Castro Caldelas ou Ribadavia, e á propia cidade das Burgas.
 

Por elo,  esixiron á Xunta “que deixe sen efecto a resolución na que reduce as subvencións e manteña as cuantías anteriores” dado os “graves prexuízos que este recorte causará aos veciños que actualmente están en proceso de rehabilitar as súas vivendas”. 

 Do mesmo xeito, os socialistas ourensáns instaron aos concellos afectados a presentar alegacións ou mocións ante a Xunta en contra dunha medida “inxusta, irresponsable e irracional” que ademais “tira pola borda 20 anos de traballo municipal a prol das políticas de rehabilitación dos cascos históricos”.

 


 

 

PSdeG-PSOE
E-mail: ceng@psdeg-psoe.org