Santiago de Compostela, 22 de xullo de 2010.- O PSdeG emprazou hoxe a Feijóo a desautorizar o transfuguismo e esixiulle o “compromiso firme” de que os tránsfugas e os beneficiarios das mocións de censura de Gondomar e Silleda non formarán parte das listas do PP nas vindeiras eleccións municipais, despois de que a Comisión de Seguimento do Pacto Antitransfuguismo declarase como casos de transfuguismo as mocións de censura do pasado ano nestes dous concellos da provincia de Pontevedra.
A secretaria de Política Municipal e portavoz do PSdeG, Mar Barcón, reclamou a Feijóo “que cumpra co acordo acadado polas tres forzas políticas no Parlamento de Galicia para impedir que os tránsfugas se presenten nas listas electorais”. Sinala que “este é o momento de comprobar si é certa a legalidade e a ética da que presume Feijóo, xa que estes conceptos non son compatibles co apoio ao transfuguismo”.
Lembrou a este respecto que o PSdeG expulsou no seu día aos tránsfugas do seu partido e expresou tamén a súa condena ás mocións de censura e o seu compromiso de non incluír aos tránsfugas nas súas listas. Por elo, emprazou a Feijóo a que “se quere recuperar a pouca ética que lle queda, diga alto e claro que os tránsfugas non formarán parte das listas do seu partido”.
“Chegou o momento de que o PP e Feijóo digan claramente se rexeitan o transfuguismo e que non se apoiarán en tránsfugas para acceder ás alcaldías”, apuntou a socialista.
Barcón engadiu que despois da declaración das mocións de censura de Silleda e Gondomar como casos de transfuguismo “xa todo o mundo sabe o que os socialistas viñamos denunciando, que o PP consentiu e amparou ambas mocións de censura, e que ambos gobernos están baseados nunha práctica antidemocrática que os deslexitima”.
Así mesmo, anunciou que o PSdeG presentará en vindeiros días a solicitude de disolución do goberno do Concello de Gondomar “por entender que neste caso se dan circunstancias anómalas que van máis alá do transfuguismo” e que o cambio de goberno deste concello foi froito de prácticas urbanísticas ilegais.
Barcón tamén esixiu explicacións ao presidente do PP en Pontevedra, Rafael Louzán, ao que considerou “o principal impulsor destas mocións de censura” como demostra o feito de que “lonxe de condenar os casos de Silleda e Gondomar optou por premiar ao ex alcalde de Gondomar, Carlos Silva, con un posto na Deputación Provincial”.
Por elo, instou a Feijóo a aclarar “se está ou non na mesma liña que Louzán”, e recordoulle que “este é un bo momento para comprobar si é certo o seu compromiso de ética e legalidade, xa que agora ten a oportunidade de demostrar que por enriba dos intereses de Louzán están os da democracia”.