Psdeg-Psoe
Contactar

 
O PSdeG denuncia a "nefasta xestión sanitaria" do Goberno de Feijóo na provincia da Coruña"
Máis de 7.000 persoas engrosan as listas de espera do hospital coruñés, o que supón case o 20% do total das persoas en listas de espera na sanidade pública galega
21/07/10
 
 

A Coruña, 21 de xullo de 2010.  O Hospital da Costa e o CHUAC ocupan, respectivamente, a primeira e segunda posición “no lamentable ranking das listas de espera” do sistema público sanitario galego. Así o denunciaron esta mañá os socialistas da provincia da Coruña durante unha rolda de prensa celebrada esta mañá na cidade herculina e que contou coa asistencia do secretario xeral provincial, Salvador Fernández Moreda, a responsable de Sanidade da executiva, Natividad González Laso e os deputados autonómicos Mar Barcón e José Luís Méndez Romeu.


O secretario provincial, Salvador Fernández Moreda, afirmou que os socialistas están “seriamente preocupados polo profundo deterioro do sistema sanitario dende a chegada do Partido Popular ao goberno da Xunta” e subliñou que o complexo hospitalario coruñés, “que era unha referencia en Galicia e en España”, ocupa hoxe un lamentable segundo posto entre os hospitais con máis pacientes en listas de espera.


Segundo os datos ofrecidos hoxe polos socialistas, e obtidos dos datos oficiais facilitados polo SERGAS, máis de 7.000 pacientes agardan hoxe nas listas de espera das diferentes especialidades cirúrxicas do hospital coruñés, o que supón case o 20% do total das persoas en listas de espera na sanidade pública galega. Ademáis, os pacientes qeu teñen como referencia o CHUAC esperan de media case sete días máis que os do resto de Galicia.


A responsable de Sanidade da executiva provincial, Natividad González Laso, atribuíu este incremento das listas de espera á “nefasta xestión sanitaria do goberno de Feijoo”, que “non ten obxectivos de mellora asistencial, senón que aplica o modelo de “ir facendo”.


“O Partido Popular volve ao vello modelo de centrar a sanidade nos hospitais, e de facer da saúde un negocio”, apuntou González Laso, que subliñou que este modelo trae como resultado “que hoxe hai máis xente esperando por unha consulta ou unha intervención, e espera máis tempo”. En concreto, hoxe 2.000 persoas máis que hai un ano engrosan as listas de espera cirúrxica do sistema público de saúde galego, polo que xa son máis de 36.000 os galegos pendentes dunha intervención e 203.753 os que esperan pola primeira consulta co especialista.

 


Natividad González afirmou que o SERGAS conta con listas era “oficiais” e “non oficiais”, ás que definiu como “as listas de espera para entrar nas listas de espera” pero, pese a isto, presenta uns datos que non son aceptables en comparación cos do ano pasado.


“Parece que o obxectivo do Partido Popular  é que a xente se canse de esperar na sanidade pública e acuda á privada”, afirmou a responsable socialista de Sanidade.


A deputada socialista Mar Barcón afirmou que esta situación “é consecuencia dun modelo político, o de Núñez Feijoo, para o que a sanidade non é unha prioridade” e acusou ao executivo galego de non ter “proxecto nin prioridades para saír da crise” e do “deterioro dos servizos públicos”.


Neste sentido, Mar Barcón aludiu ao debate de onte no Parlamento Galego e dixo que o goberno da Xunta recortará en 2011 os orzamentos en sanidade, educación e atención social.


Pola súa banda, José Luís Méndez Romeu, comparou o modelo socialista no anterior goberno da Xunta, no que se incrementaron os cadros de persoal dos hospitais, diminuíron as listas de espera, implantáronse as quendas de tarde nos quirófanos, crearonse novos centros, e se apoiou a atención primaria; co modelo actual “no que se está a producir a transferencia ao sector privado dalgúns hospitais, o que vai a supor un sobrecoste de 400 millóns de euros”.


O deputado autonómico considerou que, na Coruña, “o PP actúa sempre contra os grandes proxectos que benefician á cidade”, co obxectivo de obter réditos electorais e, neste sentido, mencionou, ademáis do incremento das listas de espera do CHUAC, os retrasos que experimentan algunhas grandes obras como a Terceira Ronda, a Vía Ártabra, ou o parking do Parrote. “É unha política deliberada de acoso a unha cidade que é o motor económico de Galicia”, afirmou Méndez Romeu.

 

SITUACIÓN DOS HOSPITAIS PÚBLICOS DA PROVINCIA DA CORUÑA,  XUÑO DE 2010


CHUAC

 

Espera cirúrxica.- A espera media cirúrxica do CHUAC crece 6,3 puntos, respecto a media de Galicia, ocupando  o 2º posto no ranking de peores indicadores de espera dos hospitais públicos galego, despois do Hospital da A Costa.
 

Así os pacientes que teñen como referencia o Complexo coruñés, esperan para unha intervención cirúrxica, máis que no resto de Galicia.


A espera crece en 9 dos 14 servizos, e moitos deles superan con creces as porcentaxes de incremento do conxunto de Galicia.


Así, no  caso de Dermatoloxía, que crece nun 46%  respecto a xuño de 2009, cando no conxunto de Galicia creceu un 18% Oftalmoloxía crece un 37%,en Galicia un  20%,  Cirurxía Cardíaca un 31%, en Galicia un 17%, Xinecoloxía nun 26%, en Galicia un 20% ou cirurxía pediátrica nun 18%, por citar algúns dos servizos.


Se incrementa o número de pacientes en espera nun 5,5 % , respecto a xuño de 2009, sendo o hospital que acumula un maior numero de pacientes a espera dunha intervención  cirúrxica, 7.188 pacientes. É dicir case o 20%  das persoas galegas, que esperan por unha intervención cirúrxica, teñen como  referencia  o CHUAC .


Espera en consultas iniciais.- O tempo de espera para primeiras consultas é superior á media de espera de Galicia nun 4,5%, e mesmo crece 14 días respecto a xuño de 2009 pasando de 50 a 63,7 días, é dicir aumentou a espera nun 27%.


Crece a espera no 63% dos servizos do CHUAC , é dicir en 18 dos 29, disparándose no caso das consultas de Neurocirurxía, que incrementa espera nun 104%, Alergoloxía nun 92%, Reumatoloxía 77%,  Cardioloxía nun 75%,Dixestivo nun 71%, Psiquiatría nun 63%, Cirurxía Vascular e Rehabilitación, ambas nun 50%, e Medicina interna, Neumoloxía e Uroloxía en máis do 50 %, por citar algúns servizos.


Tamén en consultas, crece o número de pacientes en espera en 4.287 máis, e xa esperan un total de 35.335 persoas, por unha consulta inicial.


CHUS


Espera cirúrxica.- A espera media cirúrxica do CHUS crece 11,4 días respecto da espera de xuño de 2009.


A espera crece en 11 dos 14 servizos, destacando no caso de Xinecoloxía que crece nun 110%  respecto a xuño de 2009, Cirurxía Pediátrica nun 100%, Cirurxía Cardíaca nun 77%, Cirurxía plástica nun 67%, Cirurxía Vascular nun 29% ou Cirurxía Dixestiva  nun 26%, por citar algúns dos servizos.


E tamén se incrementa en 1.025, o número de pacientes en espera para intervencións cirúrxicas, respecto a xuño de 2009, chegando a un total de 5.943 persoas a espera dunha intervención.


Espera en consultas iniciais.- A espera media de consultas do CHUS se incrementa en 16,4 días respecto a xuño de 2009, é dicir un 29% máis de espera,  pasando de 57 a 73,4 días.

 É o 2º hospital da provincia de A Coruña no que máis crece a espera para consultas, cun incremento do 29%

 

O tempo de espera para primeiras consultas é superior á media de Galicia en 12,3 días, con 73,4 días fronte aos 61,1 días de espera media de Galicia.


A espera en consultas crece en 20 das 31 especialidades e se dispara en Uroloxía cun incremento do 183%, cando en Galicia crece un 50% , en Oncoloxía médica nun 150%, en Galicia un 50%, en Nefroloxía nun 73%, en Galicia un 17%, en Cardioloxía 61%, en Galicia un 50%, en Otorrinolaringoloxía  nun 50%, Medicina Nuclear,  cirurxía torácica, Dermatoloxía Dixestivo e Neurocirurxía todas elas en crecen máis dun 40%, por citar algunhas .


Tamén en consultas, crece o número de pacientes en espera en 2.976 máis, e xa esperan un total de 35.297 persoas, por unha consulta inicial.

 

 

Hospital do Barbanza


O Hospital do Barbanza ocupa o 4º posto no ranking de tempos de espera.


Espera cirúrxica.- A espera, con respecto a xuño 2009, medrou en 5 dos 7 servizos ofertados, incrementouse o número de persoas que esperan por unha intervención cirúrxica  e mesmo se ten duplicado o tramo de espera entre 3 e 6 meses.


Os peores datos son para o servizo de Oftalmoloxía que incrementou a espera  nun 56% respecto do ano 2009, ou a cirurxía dixestiva cun incremento da espera do 16%.


Espera en consultas iniciais.- O H. do Barbanza esta 11 puntos por enriba da media galega, onde  os pacientes teñen que esperar 72 días fronte aos 61 do conxunto de Galicia.


Empeoraron 10 dos 20 servizos respecto de xuño de 2009, os peores resultados son para Nefroloxía que incrementou a espera nun 170%, Cardioloxía, 135%,  Traumatoloxía nun 120%, Otorrinolaringoloxía nun 92%  e Cirurxía Dixestiva nun 80%, por citar algúns.

 

Hospital Arquitecto Marcide


Espera en consultas iniciais.- Non mellora a media de espera, respecto a xuño do 2009 e crece en máis de 3.000, as persoas que esperan ser atendidas, pasando de 14.757 a 17.686 pacientes.


Continúase coa política de axendas pechadas


Hospital Virxe da Xunqueira


Espera en consultas iniciais.- Incrementa o tempo de espera nun 22%, respecto de xuño do 2009, pasando de 34 a 41,2 días de espera en xuño de 2010.


Incrementa o número de pacientes en espera en 735, cun total de 3.485 persoas esperando por unha consulta inicial da súa enfermidade.


Crece a espera en máis dun terzo dos servizos, en 5 dos 14,  destacando os tempos de incremento da espera no caso de Oftalmoloxía cun incremento do 120% , Hematoloxía Clínica nun 100%, Medicina Interna nun 55%,  Xinecoloxía nun 40% e Traumatoloxía nun 33%.

 

 


                

 

PSdeG-PSOE
E-mail: ceng@psdeg-psoe.org