Psdeg-Psoe
Contactar

 
O PSdeG acusa a Feijóo do "descalabro" da sanidade ourensá e denuncia que "mentres intenta ocultar os datos, as listas de espera medran cada día"
Acuña alerta de que o colapso nas urxencias, está a provocar a derivación de pacientes das urxencias aos centros privados “algo inaudito ata o de agora”
21/07/10
 
 

Ourense, 20 de xullo de 2010.- A deputada socialista  María del Carmen Acuña, acusou hoxe a Feijóo do “descalabro” da sanidade ourensá e denunciou que “mentres ocultan as listas de espera non estruturais para intentar falsear os datos, a realidade é que as listas de espera medran cada día”.

Acuña sinalou que “a sanidade pública ourensá non pode ir peor” e cualificou de “intolerable” que Feijóo e a conselleira de Sanidade, Pilar Farjas “tenten escusar a súa penosa xestión mentindo e enganando aos cidadáns cos datos das listas de espera”.

Así, acusou a Feijóo e Farjas de “mentir descaradamente” xa que “a espera, tanto dos pacientes graves como dos menos graves, é maior neste ano que no pasado”, e incidiu no incremento da espera para a primeira consulta do especialista, para facer probas complementarias, e para ciruxía.

Ademais do incremento do tempo de espera “que os cidadáns de Ourense saben que é certo porque o padecen día a día”, Feijóo e Farjas “fan trampas cos datos ao non presentar os das listas non estruturais, que en moitos casos representan o 40% do total”.

Por elo, retou a Feijóo e a Farjas a que “fagan públicas as listas non estruturais, para comprobar si é certo e cal é o número total de pacientes que agardan operacións ou consultas de especialistas, sumando tanto os das listas estruturais como os das non estruturais”.

Acuña tamén acusou ao Goberno galego de “tentar enganar aos cidadáns en cuestións tan serias como o cancro” e así preguntouse “qué levan feito polos pacientes oncolóxicos na provincia de Ourense” xa que tanto o tratamento de quimioterapia no Barco e Verín, o rexistro galego de tumores no CHOU, a potenciación do servizo de oncoloxía do CHOU e a apertura da oncoloxía radioterápica, xa quedaron feitas na anterior lexislatura.


Plan Director, Hospital de Piñor e Atención primaria

Pola contra, a socialista lembrou que “non hai noticias do Goberno galego respecto ao Plan Director do CHOU, continúan os problemas de xestión na atención primaria, o Hospital Piñor continúa pechado e as urxencias colapsadas”.

Acuña subliñou que “o deterioro é tal que actualmente se están a derivar pacientes de urxencias a centros privados, algo inaudito ata o de agora na sanidade pública”.

“Isto demostra que cada día o Goberno de Feijóo avanza un paso máis no desmantelamento da sanidade pública en toda a nosa comunidade, e concretamente na provincia de Ourense”, apuntou Acuña, á vez que advertiu que “a maneira de tranquilizar aos pacientes é traballar para mellorar os servizos e a atención, non mentir e mirar para outro lado, como fan Feijóo, Farjas, e tamén, no caso de Ourense, o que será o candidato do PP á alcaldía, Rosendo Fernández, que non dixo unha soa palabra ata o de agora sobre a situación sanitaria”.

Por todo elo, a deputada socialista instou ao Goberno galego a que “diga a verdade por unha vez” e explique aos ourensáns canto medraron as listas de espera no CHOU, sobre o que pretenden facer co Plan Director, ou cómo van solucionar os problemas de xestión na atención primaria.

En definitiva, esixiu a Feijóo e Farjas “claridade, honestidade e transparencia” para recoñecer os erros ante os cidadáns e “traballo para solucionar os problemas e mellorar a calidade da sanidade pública, en lugar de deteriorala cada vez máis en detrimento da privada”.

 

 

PSdeG-PSOE
E-mail: ceng@psdeg-psoe.org