O Pazo de Meirás é o símbolo da actitude ambigua do PP co franquismo

O Pazo de Meirás é o símbolo da actitude ambigua do PP co franquismo

O Pazo de Meirás é o símbolo da actitude ambigua do PP co franquismo

A portavoz de Cultura do grupo socialista, Concepción Burgo, censurou no Parlamento os feitos “escandalosos” aos que está a asistir a sociedade galega no Pazo de Meirás polos “incumprimentos da familia dun ditador asasino” que impide visitar “o botín de guerra que é realmente o Pazo de Meirás”. Burgo afirmou que o Pazo “é o símbolo da actitude ambigua do PP ante o franquismo e as denuncias da ditadura”, e denunciou o “desafío, provocación e insulto ás vítimas” que supón que a Fundación Franco diga que utilizará as visitas para facer apoloxía do ditador. “A familia Franco estalles desafiando; respondan democraticamente”, esixiu.

A socialista asegurou que esperaba “unha resposta contundente” da Xunta ante este desafío, pero a resposta foi “agochar a cabeza”. Burgo criticou as actitudes reiteradas do PP en torno á memoria histórica. “Din que non apoian o franquismo pero iso hai que demostralo con feitos. Onte o PP votou en contra da nulidade das sentenzas dos tribunais de guerra ante unha iniciativa socialista no Congreso, votaron en contra de propostas sobre o Val dos Caídos, un monumento vergoñento, e neste Parlamento votaron contra unha lei de memoria histórica e de dignificación das vítimas para sacalas das foxas do esquecemento”, enumerou a socialista, que convidou a “ler o diario de sesións”, porque “non só votaron en contra, senón faltando ao respecto ás vítimas e á memoria histórica”.

“Se vostedes creran o que din, estarían votando doutra maneira”, afirmou Burgo, que lembrou que cando o grupo socialista pediu reprobar as manifestacións dos Franco “o adxectivo máis alto que se lle escoitou a Feijóo e ao goberno galego é que foran unhas palabras ´desafortunadas”. A deputada lamentou que non fixeron nada pola memoria histórica desde 2009. “Aínda non conseguiron apartar as pantasmas do pasado, non sei se é porque ven un cúmulo de votos ou porque teñen un pasado que agochar, pero teñen un problema coa memoria histórica e Meirás é o símbolo desde problema”, asegurou.

Burgo pediu “non crear verdades alternativas” e recordou que a actitude de Feijóo con Meirás sempre foi permisiva e que o Pazo foi declarado BIC polo goberno de Touriño en contra da opinión do actual presidente da Xunta, que entón dicía que “non era un pazo, era unha torre, e negábase a abrilo”. Tamén lembrou os 54.000 euros que pagou Feijóo aos Franco para sufragar con cartos públicos a seguridade do pazo, cun “convenio” cos Franco co que lles deixaban “pechar en agosto para posar no HOLA e ir de vacacións”.

Esta “é a actitude forte e autoritaria” de Feijóo, a quen “o único que se le ocurriu é pedirlle con educación aos Franco que donen o Pazo, e aínda se están a rir”, dixo. Burgo manifestou a “indignación” do seu grupo polas verbas de Feijóo nas que convidaba aos Franco a donar o Pazo “para reconciliarse co pobo galego” e censurou que os membros do PP sigan a referirse a Franco como “Xefe de Estado” en lugar de como “ditador” nas súas intervencións públicas e incluso na emenda presentada no Parlamento.

 

Mercedes Cernadas

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar