Paula Fernández pide a urxente transferencia da AP-53 á Comunidade Autónoma de Galicia

Paula Fernández pide a urxente transferencia da AP-53 á Comunidade Autónoma de Galicia

Paula Fernández pide a urxente transferencia da AP-53 á Comunidade Autónoma de Galicia

A senadora socialista galega critica a inacción da Xunta e do Goberno e asegura que se está a obrigar aos cidadáns a evitar esa vía polo seu elevado custo e circular pola alternativa N-525, unha estrada cunha alta densidade circulatoria e que se encontra en precarias condicións de conservación nalgún dos seus tramos

A senadora pola Comunidade Autónoma de Galicia, Paula Fernández Pena, rexistrou na Cámara Alta unha moción que se debaterá nunha próxima reunión da Comisión de Fomento na que se solicita "a urxente transferencia da Autoestrada Central Galega, AP-53 á Comunidade Autónoma de Galicia". Fernández Pena explicou que, a pesar de constituírse no ano 2009 unha comisión técnica para a análise da transferencia da Autoestrada Central Galega AP-53 á Comunidade e das reiteradas peticións por parte do goberno galego para a súa consecución, que inclúen alegacións ao PITVI, ata o momento, non se obtivo ningún resultado.

A parlamentaria do PSOE recordou que, ata agora, o elemento argumentado polo ministerio de Fomento para paralizar calquera negociación de traspaso é a devolución do préstamo participativo de 60 millóns de euros, que o Estado outorgou á concesionaria da autoestrada para a construción desta vía de alta capacidade, e que debe ser remunerado con pagamentos ao Estado do 50% dos ingresos de peaxes, netos de IVE, sempre que se superen o IMD establecido para cada tramo nos pregos de bases e nas cláusulas administrativas particulares para a construción, conservación e explotación da autoestrada de peaxe AP-53.

Á vista das respostas dadas polo Goberno a unha batería de preguntas formuladas pola propia senadora sobre o IMD de cada tramo da autoestrada, o ministerio recoñeceu que dende o ano 2009 son moitos os tramos nos que se xa se superou ese IMD establecido, polo que a concesionaria debese estar xa a practicar remuneracións. "Se a concesionaria xa está a facer devolucións, non debera ser un problema este préstamo para a transferencia desta vía", puntualizou.

Paula Fernández Pena foi máis alá e asegura que "en moitos dos tramos nos que non se supera ese IMD, a cantidade de vehículos que circulan está moi próxima do límite establecido nos pregos polo que unha rebaixa nas tarifas aumentaría o IMD nesta vía e o Estado ou a Comunidade Autónoma podería recuperar o diñeiro investido en prazos máis curtos de tempo".

Asegura ademais, que das respostas dadas polo ministerio, se deduce, con claridade, como a suba das tarifas nos anos 2012 e 2013 (un 0.5% para compensar as obras adicionais a maiores do incremento do IPC contractual) supuxo un evidente descenso no IMD en todos os tramos nese período. "Estes datos evidencian que a suba de tarifas reduce o número de usuarios, o que tamén é contraproducente para a reversión do crédito" engadiu.

A senadora, que recorda que a AP 53 é unha das autoestradas máis caras de todo o Estado español (41 quilómetros de pagamento nos que os vehículos lixeiros pagan 5.96 euros, unha cantidade que sobe ano a ano), tamén denunciou que, "debido á inacción por parte das dúas administracións, se está a obrigar os cidadáns a evitar esa vía polo seu elevado custo e circular pola alternativa N-525, unha estrada cunha alta densidade circulatoria e que se encontra en precarias condicións de conservación nalgún dos seus tramos".

Por último, Paula Fernández Pena recordou que "o PP galego leva anos usando esta transferencia como un valor electoral" e por iso, espera que os senadores galegos o apoien e permitan que a Xunta poida dar cumprimento ao Plan MOVE neste vía, e que se apliquen rebaixas nas tarifas tal e como se fixo noutras vías de alta capacidade galegas.

Imagen 3

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar