Pasividade da Xunta contra o "catastrazo" no rural

Pasividade da Xunta contra o “catastrazo” no rural

agricultores_vendimiaO portavoz de Agricultura do Grupo Socialista, Pablo García, reclamou hoxe un “papel activo” da Xunta para reclamar que a regularización catastral que está a levar a cabo o Ministerio de Facenda e que remata en 2016 incorpore as “peculiaridades” do rural. O deputado socialista presentou varias iniciativas parlamentarias sobre un proceso que prexudica claramente ás explotacións gandeiras.

Explicou que a revisión está a incluír no catastro construción ata agora exentas de IBI e que son necesarias para a actividade aínda que non sexan habitables e teñan un valor de mercado “nulo”. García propuxo que as novas valoracións recollan as características do rural, xa que “os metros cadrados non poden ser o único baremo para pagar impostos”.

Os socialistas solicitan unha moratoria para valorar a “idiosincrasia” dos distintos concellos, así como exencións máis amplas das existentes e que os propietarios sexan exentos de multas por atrasos dos catro exercicios anteriores dos que non son responsables.

Advirte ademais de “danos colaterais” á marxe de que os concellos teñen marxe para aplicar bonificacións de ata o 90 por cento e permita unha taxa de entre o 0,3 e o 0,9 por cento, deixando o impacto total dependendo da vontade de cada concello. Así, independentemente do albur de cada concello, os propietarios do rural si que se verán prexudicados en aspectos como na concesión de bolsas de estudos aos seus fillos.

Lembrou que, de acordo co Decreto 595/2005, as familias non poderán solicitar axudas de estudos cando o valor catastral das fincas rústicas sexan superiores a 13.130 euros por cada un dos membros, o que “na práctica impide totalmente o acceso dos fillos e fillas de agricultores e gandeiros e dos habitantes do medio rural”.

Acordo fracasado

García dixo que “ninguén entende que cando a Feijóo vaille tan ben ao resto lles vaia tan mal”, logo de dar o acordo do sector lácteo por “fracasado” diante da absoluta inacción do goberno galego. Advirte que os gandeiros galegos continúan “pendentes dun Real Decreto que aínda non publicou” derivado dos ditos acordos e dos que “non queda xa moito que pedir”, mentres o leite galego continúa por debaixo do resto do Estado e de toda a UE.

García presentou unha iniciativa parlamentaria para que a Xunta afronte a situación e apoie cos seus recursos aos gandeiros afectados pola crise do lácteo. En concreto, puxo o acento sobre a decisión unilateral de Leite Celta de deixar de recoller o leite aos 50 gandeiros da Terra Chá que integran a cooperativa Codegui, aos que tan só lles queda vender leite en pó a apenas 15 céntimos o litro.

O portavoz de Agricultura do Grupo Socialista propuxo que o goberno galego se faga cargo destes gandeiros asumindo o leite a través do proxecto Lasurgal. Esta iniciativa suporá a mobilización de 3,6 millóns de euros e ten recibido unha inxección de 1,9 millóns de Xesgalicia para multiplicar por catro a produción de leite galego, de acordo coa propaganda oficial.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar