Panfletos homófobos nos colexios galegos

Panfletos homófobos nos colexios galegos

Panfletos homófobos nos colexios galegos

O portavoz de Educación do Grupo Socialista, Luis Álvarez Martínez, presentou unha batería de iniciativas parlamentarias para reclamarlle á Xunta que prohiba o reparto nos centros educativos de publicacións homófobas. Así o dixo logo de detectar a distribución nos centros de ensino dun texto contra as leis para a igualdade LGTBI dende unha organización conservadora.

O texto difundido, advirte, “pretende crear unha alarma inxustificada deostando con argumentos ideolóxicos e discriminatorios á comunidade LGTBI, á que acusa de querer causar un grave dano ao alumnado”. O folleto, distribuído baixo o título “Sabes o que lle queren ensinar aos teus fillos no colexio?”, e asinado por Hazte Oir, “ataca duramente á educación no respecto á diversidade sexual e de xénero”.

Álvarez alerta das afirmacións da dita publicación, que ataca á “proliferación” de leis autonómicas “que buscan impoñer na sociedade a ideoloxía de xénero” e cos que os gobernos “adhírense á corrente ideolóxica defendida polos lobbies do feminismo radical e LGTBI”.

Os socialistas galegos presentaron unha batería de iniciativas parlamentarias reclamando que o Goberno galego prohiba o reparto nos centros educativos da comunidade autónoma, tanto públicos como privados, “de calquera publicación que poña en cuestión a igualdade das persoas e, nomeadamente, aquelas que supoñan un cuestionamento das políticas de igualdade de trato e non discriminación por motivos de orientación sexual”.

Máximo rexeitamento

O responsable socialista amosa a súa “fonda preocupación e máximo rexeitamento” a esta propaganda “contraria aos valores contidos no noso ordenamento xurídico, de tolerancia, respecto á diversidade e a non discriminación”. Traslada a súa confianza no traballo do profesorado para desenvolver unha educación en valores en defensa destes principios, e lembra que o alumnado LGTBI “é un dos que máis sofre o acoso escolar”.

Os socialistas galegos consideran “imprescindible que se cumpran todas as medidas legalmente establecidas para garantir o benestar das nenas, nenos e novos LGTBI nos colexios e institutos”.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar